O momento fundacional de Diversidades, en decembro de 2012, coincide co máis fondo da crise social derivada do crise financeira de 2008. Nese intre, os recursos para persoas migrantes diminúen exponencialmente en España, a pesar de ser quen máis sofren a crise. Esta situación provoca un forte retorno das persoas migrantes aos seus países de orixe.
Neste marco, hai un colectivo especialmente vulnerable no contexto europeo e ao que nunca se lle ofrece un soporte específico que son os inmigrantes intracomunitarios.
No caso das persoas procedentes de Romanía, durante cinco anos consecutivos son a única nacionalidade cuxa presenza se incrementa en Galicia mentres o resto diminúen.
A pesar de non estar en situación administrativa irregular, a maioría destas persoas carece de dereitos de acceso á seguridade social, de residencia recoñecida e de posibilidades de acceso a un posto de traballo. Ademais, a súa orixe étnica provoca un forte rexeitamento entre a poboación local, o maior entre todos os colectivos migrantes. É este colectivo o que recibe maior atención por parte da nosa asociación no momento fundacional.
Xunto a esta dedicación, o maior impacto da nosa actuación prodúcese no ámbito educativo, especialmente na colaboración co CPI O Toural de Vilaboa. Nese centro, ademais dunha intervención social de éxito, tamén se realiza unha importante reflexión sobre as condicións de éxito educativo dos adolescentes máis vulnerables.
Desa etapa de desenvolvemento dos proxectos quedan o programa Bun Venit, de itinerarios sociolaborais con persoas migrantes, e o programa Donas da Cidade, para o empoderamento das mulleres migrantes.
En agosto de 2016 prodúcense dous feitos que marcarán a evolución da Asociación Diversidades: cambiamos a nosa primeira sede, en R/ Velázquez Moreno, insuficiente para prestar os nosos servizos, por outra sede máis espaciosa, en García Barbón 36, 3º, onde estamos na actualidade.
Nese mesmo mes, en procura de alianzas que nos permitisen unha mellor atención ás persoas migrantes e refuxiadas, pedimos integrarnos en Red Acoge, proceso que culminaría en xuño de 2017 coa aprobación do ingreso na federación por parte da Asemblea de Red Acoge celebrada en Salamanca. A partir dese momento, a denominación da Asociación pasa a ser Diversidades Acolle e comeza un proceso de transformación organizativa e de compromiso coa vida da Federación que dará lugar á participación na Junta Directiva de Red Acoge a partir da Asemblea Xeral de xuño de 2019.
Durante este período, ponse en marcha o proxecto Bros, a primeira iniciativa de Escola de Segunda Oportunidade de Galicia (inicialmente denominado Pregatirea Maine), o que dá orixe á nosa participación na Asociación Española de Escolas de Segunda Oportunidade https://www.e2oespana.org/, como membro do sector educativo. A aspiración de Diversidades Acolle é converternos en socio activo con unidades acreditadas de E2O, aínda que na actualidade non existe un marco administrativo para as Escolas de Segunda Oportunidade en Galicia.
Entre os logros dese período destaca o incremento exponencial no número de participantes nos diferentes proxectos da asociación, o incremento no número de horas de formación impartidas e a creación dos proxectos de mediación e de asesoramento xurídico especializado en estranxeiría.
A denominada crise dos refuxiados, que vive o seu momento álxido en 2015, marcou fondamente á Asociación Diversidades Acolle. Dunha banda, desde 2014 a asociación atendía persoas solicitantes de Protección Internacional e de Apatridia; doutra banda, a imposibilidade de intervir de forma directa na axuda ás persoas máis afectadas por aquela crise, levounos a procurar outras formas de atención.
E, aínda que durante o período 2016-2019 non deixaron de medrar o número de solicitantes de Protección Internacional atendidos nos nosos servizos, non será ata abril de 2020 cando, no marco de Red Acoge, abramos o primeiro centro para a acollida de solicitantes de Protección Internacional e para persoas con Estatuto de Refuxiadas, inicialmente con 15 prazas.
O Centro de Acollida, situado en Tui, constaba de dous programas, AIA Acogida e AIA Empleo. En 2021 incorporouse un novo programa para atención de persoas vulnerables, especialmente xente nova, ademais de incrementar as prazas de Acollida. En 2022, como resposta á invasión rusa de Ucraína, abrimos dous novos centros de Acollida, tamén en Tui, chegando a ser a Organización Federada de Red Acoge con máis prazas de acollida.
Aínda que establecemos unha forte separación entre os servizos presetados no marco do Sistema Nacional de Acollida e o resto dos servizos da Asociación (incluíndo os servizos para solicitantes de protección internacional fóra do sistema de acollida), o programa AIA de Red Acoge deunos a oportunidade de manter os nosos servizos durante a pandemia (ao que tamén contribuiu o apoio de Open Value Fundation durante o ano 2020),ademais de estruturar mellor o sistema de xestión da asociación, permitindo unha nova xeira de crecemento.