Estatutos

DENOMINACIÓN, FINS, DOMICILIO E AMBITO:

Artigo 1. Coa denominación de ASOCIACION DIVERSIDADES, se constitúese unha entidade ao abeiro da Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, e normas complementarias, con capacidade xurídica e plena capacidade de obrar, carecendo de ánimo de lucro.

Artigo 2. Esta asociación constitúese por tempo indefinido.

Artigo 3. A existencia desta asociación ten como fins:

  • Promover o recoñecemento da diversidade cultural e dos dereitos fundamentais das persoas no marco da diversidade cultural.
  • Atender ás necesidades sociais das persoas que pertencen a minorías culturais, tanto nacionais como de procedencia estranxeira.
  • Promover a inclusión social, especialmente en contextos comunitarios.
  • Fomentar a inserción laboral dos colectivos con dificultades no emprego, a través, entre outros medios, da orientación laboral, a formación para o emprego, a intermediación no mercado de traballo, o acompañamento no posto de traballo no período de adaptación e a promoción da economía social.
  • Facilitar a participación social e a mobilización dos recursos e enerxías das persoas para resolver os seus problemas, especialmente da xente nova e das persoas e colectivos considerados como non produtivos.
  • Procurar a autonomía e a libre determinación de cada persoa en contextos de diversidade cultural.
  • Reforzar a toma de decisións e de responsabilidades das mulleres nos diferentes contextos sociais e culturais, atendendo á perspectiva de xénero, dando prioridade ás vítimas da violencia e a aquelas que carecen de redes de proximidade que lles sirvan de apoio.
  • Favorecer a plena participación social das persoas con diversidade funcional, incluíndo as persoas xordas, mediante a formación de profesionais, a mediación para a comprensión da linguaxe de signos e a adquisición da lingua de signos por parte do conxunto da sociedade, dando prioridade ao ámbito escolar.
  • Loitar contra a discriminación en razón de relixión, nacionalidade, cultura, crenzas ou calquera outra forma de exclusión.
  • Promover a cultura da paz, da convivencia e da resolución pacífica dos conflitos.

 

Artigo 4. Para o cumprimento destes fins realizaranse, entre outras, as seguintes actividades:

  • Accións de fomento da educación, tanto no ámbito formal como no non-formal e o informal, incluíndo a educación social en ámbitos de carácter comunitario.
  • Accións de formación e capacitación, tanto en habilidades básicas e habilidades sociais, como en competencias básicas, a adquisición de diferentes linguas, incluíndo a lingua de signos, a formación en competencias transferibles e en competencias profesionais, incluíndo a certificación da experiencia e as diferentes formas de colaboración entre o tecido produtivo e os sistemas educativos e profesionais.
  • Accións de coñecemento entre colectivos culturais, de recoñecemento da diversidade cultural e de promoción da convivencia.
  • Accións de inserción laboral.
  • Accións de fomento da igualdade de trato e de oportunidades.
  • Accións para a superar as barreiras de xénero, desde a violencia ata os estereotipos sociais.
  • Accións para superar as barreiras de comunicación existentes entre persoas e entre colectivos sociais e culturais.
  • Accións de loita contra a exclusión social e de inclusión social activa.
  • Accións de desenvolvemento comunitario e de empoderamento das persoas.
  • Accións de formación dos profesionais, incluíndo aos de educación, sanidade e servizos sociais.
  • Accións de estudos, de investigación e de avaliación das políticas e das liñas de acción encamiñadas á mellora da convivencia e da inclusión social de persoas e colectivos en situación de exclusión ou discriminación.
  • Accións de promoción da cultura da paz, da mediación social e a mediación intercultural.

 

Artigo 5. A Asociación establece o seu domicilio social en Vigo, R/Velázquez Moreno, nº9, Oficina 313, localidade de Vigo, provincia de Pontevedra, CP. 36201 e o seu ámbito territorial onde vai realizar principalmente as súas actividades é  a Comunidade Autónoma de Galicia.

 

CAPITULO II

ÓRGANO DE REPRESENTACIÓN

 

Artigo 6. A Asociación Diversidades será xestionada e representada por unha Xunta Directiva formada por: un/ha Presidente/a, un/ha Secretario/a, un/ha tesoureiro/a e tres vocais representando á vocalía de muller, á vocalía de xuventude e á vocalía de diversidade funcional.

Todos os cargos que compoñen serán designados e revocados pola Asemblea Xeral Extraordinaria e o seu mandato terá unha duración de  dous anos.

 

Artigo 7. Estes poderán causar baixa por renuncia voluntaria comunicada por escrito á  Xunta Directiva, por incumprimento das obrigas que tivesen encomendadas e por expiración do mandato.

 

Artigo 8. Os membros da Xunta Directiva que esgoten o prazo para  o que foron elixidos, continuarán ostentando os seus cargos ata o momento en que se produza a aceptación de quen os substitúen.

 

Artigo 9. A Xunta Directiva reunirase cantas veces o determine o seu Presidente e a iniciativa ou petición de dous dos seus membros. Quedará constituída cando asista a metade máis un dos seus membros e para que os seus acordos sexan válidos deberán ser tomados por maioría de votos. En caso de empate, o voto do Presidente será de calidade.

 

Artigo 10. Facultades da Xunta Directiva: As facultades da Xunta Directiva estenderanse, con carácter xeral a todos os actos propios das finalidades da asociación, sempre que non requiran, segundo estes Estatutos, autorización expresa da Asemblea Xeral.

Son facultades particulares da Xunta Directiva:

a) Dirixir as actividades sociais e levar a xestión económica e administrativa da Asociación, acordando realizar os oportunos contratos e actos.

b) Executar os acordos da Asemblea Xeral.

c) Formular e someter a aprobación da Asemblea Xeral os Balances e as Contas anuais.

d) Resolver sobre a admisión de novos asociados.

e) Nomear delegados para algunha determinada actividade da Asociación.

f) Calquera outra facultade que non sexa da exclusiva competencia da Asemblea Xeral de socios.

 

Artigo 11. O Presidente terá as seguintes atribucións: Representar legalmente á Asociación ante toda clase de organismos públicos ou privados; convocar, presidir e levantar as sesións que celebre a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, así como dirixir as deliberacións dunha e maila outra; ordenar pagos e autorizar coa súa sinatura os documentos, actas e correspondencia; adoptar calquera medida urxente que a boa marcha da Asociación aconselle ou no desenvolvemento das súas actividades resulte necesaria ou conveniente, sen prexuízo de dar conta posteriormente á Xunta Directiva.

 

Artigo 12. O Secretario terá a cargo a dirección dos traballos puramente administrativos da Asociación, expedirá certificacións, levará os libros da asociación que sexan legalmente establecidos e o ficheiro de asociados, e custodiará a documentación da entidade, facendo que se cursen as comunicacións sobre designación de Xuntas Directivas e demais acordos sociais obxecto de inscrición aos Rexistros correspondentes, así como a presentación das contas anuais e o cumprimento das obrigacións documentais nos termos que legalmente correspondan.

 

Artigo 13. O Tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertencentes á Asociación e dará cumprimento ás ordes de pago que expida o Presidente.

 

Artigo 14. Os Vocais terán as obrigas propias do seu cargo como membros da Xunta Directiva, e así como as que nazan das delegacións ou comisións de traballo que lles encomende a propia Xunta.

 

Artigo 15. As vacantes que se puidesen producir durante o mandato de calquera dos membros da Xunta Directiva serán cubertas provisionalmente entre os devanditos membros ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral Extraordinaria.

 

CAPITULO III

ASEMBLEA XERAL

 

Artigo 16. A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno a Asociación e estará integrada por todos/as os/as asociados/as.

 

Artigo 17. As reunións da Asemblea Xeral serán ordinarias e extraordinarias. A ordinaria celebrarase unha vez ao ano dentro do catro meses seguintes ao peche do exercicio; as extraordinarias celebraranse cando o aconsellen as circunstancias, a xuízo do Presidente, cando o acorde a Directiva ou cando o propoña por escrito unha décima parte dos asociados.

 

Artigo 18. As convocatorias das Asembleas Xerais realizaranse por escrito expresando o lugar, día e hora da reunión así como a orde do día con expresión concreta dos asuntos a tratar. A convocatoria pode realizarse por correo electrónico, solicitando confirmación de lectura do mesmo aos/ás convocados/as. Entre a convocatoria e o día sinalado para a celebración da Asemblea en primeira convocatoria haberán de mediar polo menos dez días, podendo así mesmo facerse constar se procedese a data e hora en que se reunirá a Asemblea en segunda convocatoria, sen que entre unha e outra poida mediar un prazo inferior a unha hora.

 

Artigo 19. As Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a ela un terzo dos asociados con dereito a voto, e en segunda convocatoria calquera que sexa o número de asociados con dereito a voto.

Os acordos tomaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas cando os votos afirmativos superen aos negativos, non sendo computables a estes efectos os votos en branco nin as abstencións.

Será necesario maioría cualificada das persoas presentes ou representadas, que resultará cando os votos afirmativos superen a metade destas, para:

a) Nomeamento das Xuntas directivas e administradores.

b) Acordo para constituír unha Federación de asociacións ou integrarse nelas.

c) Disposición ou alleamento de bens integrantes do inmobilizado.

d) Modificación de estatutos.

e) Disolución da entidade.

 

Artigo 20. Son facultades da Asemblea Xeral Ordinaria:

a) Aprobar, no seu caso, a xestión da Xunta Directiva.

b) Examinar e aprobar as Contas anuais.

c) Aprobar ou rexeitar as propostas da Xunta Directiva en orde ás actividades da Asociación.

d) Fixar as cotas ordinarias ou extraordinarias.

e) Calquera outra que non sexa da competencia exclusiva da Asemblea Extraordinaria.

f) Acordar a remuneración, no seu caso, dos membros dos órganos de representación.

 

Artigo 21. Corresponde á Asemblea Xeral Extraordinaria:

a) Nomeamento dos membros da Xunta Directiva.

b) Modificación dos Estatutos.

c) Disolución da Asociación.

d) Expulsión de socios, a proposta da Xunta Directiva.

e) Constitución de Federacións ou integración nelas.

 

CAPITULO IV

SOCIOS

 

Artigo 22. Poderán pertencer á Asociación aquelas persoas con capacidade de obrar que teñan interese no desenvolvemento dos fins da Asociación.

 

Artigo 23. Dentro da Asociación existirán as seguintes clases de socios:

a) Socios fundadores, que serán aqueles que participen no acto de constitución da Asociación.

b) Socios de número, que serán os que ingresen despois da constitución da Asociación.

c) Socios de honra, os que polo seu prestixio ou por contribuír de modo relevante á dignificación e desenvolvemento da Asociación, fáganse acredores a tal distinción. O nomeamento dos socios de honra corresponderá á Asemblea Xeral.

 

Artigo 24. Os socios causarán baixa por algunha das causas seguintes:

a) Por renuncia voluntaria, comunicada por escrito á Xunta Directiva.

b) Por incumprimento das obrigacións económicas, se deixase de satisfacer as cotas periódicas.

 

Artigo 25. Os socios de número e fundadores terán os seguintes dereitos:

a) Tomar parte en cantas actividades organice a Asociación en cumprimento dos seus fins.

b) Gozar de todas as vantaxes e beneficios que a Asociación poida obter.

c) Participar nas Asembleas con voz e voto.

d) Ser electores e elixibles para os cargos directivos.

e) Recibir información sobre os acordos adoptados polos órganos da Asociación.

f) Facer suxestións aos membros da Xunta Directiva en orde ao mellor cumprimento dos fins da Asociación.

 

Artigo 26. Os socios fundadores e de número terán as seguintes obrigacións:

a) Cumprir os presentes Estatutos e os acordos válidos das Asembleas e a

Xunta Directiva.

b) Abonar as cotas que se fixen.

c) Asistir ás Asembleas e demais actos que se organicen.

d) Desempeñar, no seu caso, as obrigacións inherentes ao cargo que ocupen.

 

Artigo 27. Os socios de honra terán as mesmas obrigacións que os fundadores e de número fóra das previstas nos apartados b) e d), do Artigo anterior.

 

Así mesmo, terán os mesmos dereitos fóra dos que figuran nos apartados c) e d) do Artigo 25, podendo asistir ás asembleas sen dereito de voto.

 

Artigo 28. Os recursos económicos previstos para o desenvolvemento dos fins e actividades da Asociación serán os seguintes:

 

a) As cotas de socios, periódicas ou extraordinarias.

b) As subvencións, legados ou herdanzas que puidese recibir de forma legal por parte dos asociados ou de terceiras persoas.

c) Calquera outro recurso lícito.

 

Artigo 29. O Patrimonio Fundacional ou Fondo Social da Asociación é de 150€.

 

Artigo 30. O exercicio asociativo e económico será anual e o seu peche terá lugar o 31 de decembro de cada ano.

 

 

CAPITULO VI

DISOLUCIÓN

 

Artigo 31. A Asociación Diversidades disolverase voluntariamente cando así o acorde a Asemblea Xeral Extraordinaria, convocada a tal efecto, por unha maioría de 2/3 dos asociados.

 

Artigo 32. En caso de disolución, será nomeada unha comisión liquidadora que, unha vez extinguidas as débedas, e se existise sobrante líquido destinarao para fins que non desvirtúen a súa natureza non lucrativa dando prioridade á loita contra a exclusión social e á promoción da igualdade de oportunidades, especialmente en materia de xénero e de diversidade cultural.

 

DISPOSICION ADICIONAL

En todo o que non estea previsto nos presentes Estatutos aplicarase a vixente Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación, e as disposicións complementarias.

 

Dilixencia final:

Estes estatutos inclúen a modificación dos artigos 3, 4, 5 e 6 dos estatutos fundacionais, consonte ao aprobado na Asemblea Xeral extraordinaria do 31 de agosto de 2015.

 

 

 

En Vigo, a 31 de agosto de 2015