Un numeroso grupo de mulleres participa desde o pasado 22 de outubro no curso de lingua española para estranxeiros organizado pola Asociación Diversidades. O Curso realízase de luns a xoves na sede da asociación en horario de 16:00 a 18:00.
Concibido inicialmente pensando na poboación romanesa da cidade de Vigo, o grupo que acabou realizando o curso de Español para estranxeiros foi bastante máis plural na súa configuración, incluíndo persoas de Senegal, Rusia, Ucraína, Brasil, Corea e, por suposto, Romanía.
O curso desenvolve temas da vida cotiá, pensados para a interacción social nos medios máis habituais, nomeadamente aqueles en que as persoas en risco de exclusión procuran alternativas para unha vida máis plena.
Aínda que se traballaron tamén cuestións de comprensión e expresión escrita, especialmente pensadas para aquelas participantes que teñen un maior nivel de lectoescritura na súa lingua natal, o curso está pensado para desenvolver as habilidades de comprensión e expresión oral, determinantes no día a día de calquera persoa.
O curso está constituíndo, ademais, un excelente momento de encontro entre persoas de diferentes culturas que practican, xunto coa lingua, a tolerancia, a convivencia e a construcción dunha sociedade intercultural.