Na axenda da cimeira dos poderosos deste mundo, en Davos, entrou na axenda a cuestión da desigualdade. Non é que se arrepintan de esconder as súas riquezas en paraísos fiscais, impedindo que teñan un horizonte de utilidade universal a través dos Estados que serviron durante a modernidade para crear os mecanismos que os converteron en poderosos. Parece que o problema é que tanta desigualdade xa non serve para medrar economicamente; que mesmo pode resultar contraproducente.
A prestixiosa ONG OXFAM, que no Estado Español opera coa estrutura de INTERMON, presentou no Foro un informe sobre a “extrema riqueza“, titulado Gobernar para as elites: riqueza extrema e abuso de poder. A súa perspectiva non fica en denunciar a desigualdade, senón que inclúe unha dimensión política característica dun liberalismo oligárquico: Diminúe o número das regras de xogo, pero as que quedan favorecen aos que teñen máis diñeiro. Ao mesmo tempo, exercicio do poder constitúe unha oportunidade para o enriquecemento persoal, que tende a perpetuarse (como exercicio do poder e como acceso á riqueza). Lonxe dun concepto humanista da liberdade económica, estamos ante un exercicio de cinismo, ao que non parece importarlle nin o futuro ecolóxico do planeta nin o sufrimento humano de boa parte da humanidade.
Estamos lonxe da emerxencia dun sistema económico alternativo á globalización capitalista. Non albiscamos no horizonte unha esperanza que nos mobilice para a procura dunha utopía social compartida. Pero sabemos que mesmo o capitalismo pode ofrecer modalidades de democracia política e de liberdade económica dunha calidade moi superior á que se está a impoñer de forma acelerada durante as últimas décadas. E sabemos que só mediante a creación de conciencia e a mobilización cidadá a prol da liberdade e da equidade podemos salvar a democracia das poutas dunha tiranía que só ofrece libre circulación de capitais e das persoas que os representan.