Agora que volven a primeiro plano da actualidade determinados impostores, que din falar en nome do pobo xitano cando levan anos falando exclusivamente en nome propio, convén reflexionar sobre a pertinencia da lei común na abordaxe dos dereitos das minorías.
Para comezar, hai que afirmar rotundamente que, de entender por Lei Xitana un corpo xurídico pechado cuns procedementos de aplicación coñecidos e compartidos, logo de trinta anos de experiencia non atopei aínda nada que se poida validar como tal Lei. Non negarei a existencia dun dereito consuetudinario que determinadas comunidades culturais (case sempre territoriais) consideran de aplicación para a súa convivencia. Pero ese dereito debe posuír uns trazos de recoñecemento e aceptación suficientes como para poder considerarse como un corpo xurídico, con ou sen sanción política e administrativa, que esa sería outra cuestión. O que estou negando non é a súa posibilidade; tampouco a súa aceptación no ámbito do Estado. Estou negando a existencia dese consenso sobre as normas.
Existe outra acepción, máis ampla e difusa, que podería reclamar a denominación de lei xitana, facendo referencia a un conxunto de padróns culturais que posibilitan a convivencia e a xestión dos conflitos cando se producen. Desde o meu punto de vista, ese padrón existe. Pero presenta a característica de estar integrado por un conxunto de valores culturais, suficientemente coñecidos, difundidos e aceptados, e uns procedementos de aplicación que son contextuais e de marcado carácter familiar. Pódese argumentar que certas tradicións xurídicas (algunhas moi coñecidas) están integradas por certos valores, por algunhas normas de procedemento, e que o resto é contextual. Contra este argumento direi que o punto feble da equiparación cunha “lei” é a ausencia de normas de procedemento, así como dunha autoridade comunmente recoñecida que as aplique. Porque entendo que forma parte da impostura que trato de denunciar o feito de proclamarse autoridade, a un tempo lexislativa, executiva e xudicial, sen que exista un recoñecemento real por parte dunha comunidade xitana extensa. E que ese recoñecemento estea baseado na difusión dos estereotipos xitanos por parte dos medios de comunicación e dos poderes da sociedade civil.
Tamén debo dicir que o liderado tradicional xitano está fundamentado no “respecto”, concepto que fai referencia ao sentido da familia, a unha inequívoca pertenza a unha liñaxe xitana, ao sentido da xenerosidade e á equidade na abordaxe dos conflitos de intereses entre diferentes familias xitanas. Eu recoñezo esa forma de autoridade. Hai outra forma de poder fundada na forza e na imposición. Tamén é real; pero non está fundamentada no respecto. E, daquela, vulnera os valores xitanos fundamentais.
O noso ordenamento xurídico presenta unha homoxeneidade que pretende ser inclusiva. As diferenzas admitidas están baseadas nas tradicións culturais de cada territorio e no dereito consuetudinario. Tamén se admite no noso marco legal o pluralismo relixioso e a liberdade de conciencia, que completan o mapa da Lei e os seus límites, nun contexto de cidadanía compartido. De cara ao futuro, podería existir un recoñecemento de determinados costumes ata outorgarlles carta de natureza nunha cidadanía plural. O recoñecemento da voda xitana e da forma de familia que a propia cultura xitana recoñece, podería ser obxecto de estudo. Pero carece de sentido falar de certas formas de separación entre familias que se aplicaban tradicionalmente para manter a paz e evitar conflitos como un “desterro”; e máis aínda que a maioría social asista asentindo e aplaudindo a declaracións que, de facelas unha minoría nacional, sería consideradas –e con razón- constitutivas de delicto.