Durante a primeira semana de traballo, os profesionais romaneses coñeceron o Sistema de Servizos Sociais de Galicia, así como o sistema Educativo. Durante a segunda semana, achegaranse ao sistema sanitario e profundarán sobres Servizos Sociais e Educación. Unha visita institucional á Consellería de Traballo e Benestar o mércores, constitúe o punto central dos traballos.
Despois dunha xornada inaugural, celebrada o luns 19 na sede da Asociación Diversidades, o martes 20 o grupo de profesionais dos servizos sociais romaneses que participan no Mobility Project desprazáronse a Ferrol para coñecer o traballo de AGAMME contra os malos tratos infantís e para participar nunha xornada organizada polo Centro de Formación e Recursos do Profesorado de Ferrol, cuxo centro era un relatorio da Asociación Diversidades sobre os factores éxito educativo do alumnado xitano en Galicia.
O mércores 21 puideron visitar Radio ECCA durante a mañá. Pola tarde foi a quenda para o Programa Na Rúa, da Fundación Juan Soñador. O xoves 22, da man de FOANPAS puideron visitar un Centro Educativo e coñeceron a experiencia dos comedores escolares xestionados polas ANPAS, ademais de participar nunha conferencia de formación para nais e pais. En Romanía non existen asociacións de Pais e Nais de alumnos nos Centros Educativos, polo que esta experiencia resulta en grao sumo enriquecedora. O venres 23 visitaron unha familia romanesa residente en Vigo e coñeceron o seu punto de vista sobre a situación social en Galicia e a súa perspectiva sobre a inclusión social. O sábado 24, por cortesía da Concellería de Turismo do Concello de Vigo, gozaron dunha viaxe a Cíes.
A semana que resta de programa formativo está repleta de contidos, con visita o luns 26 ao Centro de Saúde de Teis, ao Centro de Emerxencias dás Mulleres de Vigo e a unha sesión de terapia con cans de nenos con dificultades de aprendizaxe. O martes 27 comezará cunha mañá de traballo coa experiencia pedagóxica Colexio Escultor Acuña, para achegarse aos problemas e as potencialidades de aprendizaxe das persoas xordas. Pola tarde, coñecerán a experiencia de AYUVI, dando soporte ás nais para o coidado e a crianza dos seus fillos e fillas.
O mércores 28 visitarán a Xunta de Galicia, onde serán recibidos por responsables da Consellería de Traballo e Benestar, co fin de obter unha visión panorámica dos Servizos Sociais en Galicia e especialmente da Atención a Menores en risco.
O xoves 29 será para o CPI O Toural de Vilaboa, onde a Asociación Diversidades desenvolve unha experiencia pioneira que pretende involucrar aos pais e nais do alumnado xitano na educación dos seus fillos.
A xornada do venres será de avaliación e permitirá pechar acordos de colaboración entre a Asociación Diversidades, e diferentes organizacións romanesas, públicas e privadas, ás que pertencen os profesionais desprazados a Vigo durante este quince días.