A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza con profesionais técnicos deste país para explicarlles o funcionamento do sistema galego de servizos sociais
Mostroulles información do eido social desde o punto de vista normativo e da organización e integración dos servizos
Os técnicos romanos visitaron a vivenda para menores do programa Mentor en San Lázaro e a casa de familia ‘Arela’ de Conxo
Un total de cinco técnicos dos servizos sociais de Romanía coñeceron hoxe de primeira man o funcionamento dos recursos de Familia e Inclusión da Consellería de Traballo e Benestar. A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, mantivo en Santiago unha xuntanza con estes profesionais a quen lles explicou como se desenvolve o sistema galego de servizos sociais, tanto desde o punto de vista normativo, como desde o eido da organización e integración dos servizos.
Á xuntanza, ademais, acudiron varios técnicos da Dirección Xeral pertencentes ás áreas de inclusión social, inmigración, protección de menores e servizos sociais comunitarios, así como dous representantes da Asociación Diversidades, unha entidade de iniciativa social de Vigo que desenvolve programas de inclusión social e de integración de inmigrantes, fundamentalmente co colectivo de persoas de etnia xitana de orixe romanesa.
Os cinco profesionais técnicos de Romanía están a participar no programa de intercambio e capacitación de profesionais ‘European training for social mediators’ no marco do proxecto ‘Leonardo da Vinci Mobility’, financiado pola Axencia Nacional do Programa Leonardo da Vinci no Ministerio de Educación de Romanía e realizado pola Axencia Dual Smart de Brasov, en colaboración coa Asociación Diversidades.
Tras a xuntanza, os profesionais romaneses visitaron, acompañados por técnicos da Dirección Xeral de Familia e Inclusión, dous equipamentos da área de protección de menores da Xunta: a vivenda do programa Mentor, emprazada en San Lázaro, e a cada de familia ‘Arela’ de Conxo.