Monthly Archives: Xuño 2014

  • 1

UN ÉXITO SEN PRECEDENTES

Vilaboa. 24 de xuño de 2014.  Celeste Gómez, a primeira alumna xitana de Vilaboa que titula en Secundaria Obrigatoria. 

Celeste

O curso académico 2013 – 2014 remata no CPI O Toural de Vilaboa cun éxito sen precedentes: a obtención do título de Educación Secundaria Obrigatoria por parte de Celeste Gómez, a primeira alumna xitana de Vilaboa que titula en Secundaria Obrigatoria. Deste modo, o CPI O Toural únese ao conxunto cada vez máis amplo de Centros Educativos da Comunidade Autónoma de Galicia onde o alumnado xitano consigue rematar con éxito os estudos obrigatorios.

Sen embargo, a maioría do alumnado xitano segue sen conseguir rematar os estudos obrigatorios: no ano 2007, só un 2% do alumnado xitano de Galicia lograba titular. Ademais, seguen a ser maioría os Centros Educativos que imparten Educación Secundaria Obrigatoria que non conseguen ningún tipo de éxito co alumnado xitano. Trátase especialmente de Centros Educativos de contornos urbanos ou de vilas onde a poboación xitana ten unha boa integración social. Por procedencia, son máis os xitanos de orixe castelá, especialmente o grupo coñecido como “zamoranos”, seguidos polos portugueses os que conseguen titular, estando os xitanos autóctonos en clara desvantaxe (sobre o colectivo procedente de Romanía, aínda carecemos de datos).

Desde este punto de vista que estamos a expoñer, o caso de Celeste Gómez presenta todos os trazos de desvantaxe social e cultural por procedencia: muller, de familia de xitanos galegos e de hábitat rural. Por iso ten unha maior relevancia o seu éxito académico, porque indica que co apoio da familia, do Centro Educativo e das Entidades de Iniciativa social, é posible rachar as barreiras que limitan a educación das persoas xitanas entre nós, e avanzar na normalización educativa.

Non debemos esquecer que existen tamén características individuais que fan posible este resultado: a intelixencia da persoa, a súa inserción no grupo de iguais, as súas expectativas vitais e a súa forza de vontade para marcarse metas e tratar de conseguilas. Non é posible replicar todas estas características individuais. Pero resulta posible propoñelas como exemplo de superación e de traballo, de forma que outras persoas xitanas teñan un referente positivo cando se trata de proxectar un futuro académico e profesional.


  • -

Bos resultados nas probas de Competencias – Clave

Competencias - Clave

Competencias – Clave

Vigo, 12 de xuño de 2014. – O pasado venres 6 de xuño coñecemos os resultados das probas de Competencias – Clave nivel II correspondentes a 2014. Das catro persoas que participaron, logo de acudir ás clases de preparación na Asociación Diversidades, todas aprobaron a Competencia – Clave de Galego. Tendo en conta que as catro participaban nas probas das catro competencias, debemos considerar un éxito que dúas persoas aprobasen tres das catro competencias. E que outra máis, sen conseguiu a súa admisión na formación AFD, ao superar as probas de matemáticas e lingua galega.

Este logro supón unha importante mellora curricular, un paso adiante na súa inclusión social. De feito, durante esta semana acudiron a entrevistas individuais de orientación para tratar de poñer en valor o seu progreso, de cara a conseguir unha formación ocupacional ou unha opción de inserción laboral.

Desde a Asociación Diversidades desexámoslle sorte nesta nova andaina e poñemos os nosos medios ao dispor dos seus proxectos.


  • -

Á espera dos resultados das probas de competencias clave

Competencias - Clave

Competencias – Clave

O pasado sábado 24 de maio celebráronse en Silleda as probas correspondentes a 2014 de avaliación das competencias clave para acceder aos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación.

A Asociación Diversidades, despois do curso sobre competencias – clave celebrado no último trimestre de 2013 e no que participaran 15 persoas, decidiu emprender unha acción formativa para a preparación inmediata das probas deste ano 2014. Catro persoas participaron nesa acción entre os meses de marzo e maio, presentándose todas elas ás catro competencias – clave de nivel 2: Matemáticas, lingua española, lingua inglesa e lingua galega.

Para o desprazamento a Silleda (e para as accións de apoio) contamos coa inestimable colaboración dos Hermanos Misioneros de los Enfermos Pobres. Da súa sede de Teis saíu unha furgoneta que facilitou a realización da proba por parte do grupo.

O vindeiro venres, 6 de xuño, daranse a coñecer os resultados das probas. Desde a Asociación Diversidades desexamos o mellor resultado para a nosa xente.


  • -

Finaliza o LdV Mobiliy Project 2014