Ante a información publicada polo Diario de Pontevedra o día de onte titulada en portada “Celeste, la primera gallega de etnia gitana en terminar la ESO”, a Asociación Diversidades quere facer as seguintes precisións:
En primeiro lugar queremos agradecer ao Diario de Pontevedra a súa sensibilidade ao tratar de forma positiva a cuestión da escolarización da poboación xitana. Ese agradecemento convértese en felicitación nos seguintes aspectos da información de onte domingo:
- “Un puente hacia el futuro” é un titular suxestivo, que recoñece o esforzo individual e que proxecta colectivamente un esforzo educativo que debería universalizarse nos próximos anos.
- “Ejemplo a seguir”. O encabezado da noticia axuda a situar a importancia do exemplo de Celeste Gómez.
- “Esta joven de 18 años anima a las familias del colectivo gitano a escolarizar a sus pequeños y apoyarlos en sus estudios”. Raspaldando así ese nexo entre o individual e o colectivo.
Sen embargo, cremos que hai algunhas informacións incorrectas no artigo. Concretamente:
- Celeste Gómez é a primeira xitana de Vilaboa en rematar a ESO, como aparece recollida na web da Asociación Diversidades (www.diversidades.org). Sen embargo, afortunadamente non é a primeira xitana galega en completar os actuais estudos obrigatorios. Noutras localidades producíronse con anterioridade logros similares. O que carece de precedentes é un logro así nun contexto precario como o que rodea a Celeste, por iso o describimos como un éxito sen precedentes.
- Belén Arranz, a pesar do seu rol de mediadora, non é unha persoa da comunidade xitana, senón unha mediadora intercultural da Asociación Diversidades, experta en inmigración, inclusión social e políticas sociais.
Existe outra cuestión que resulta opinable desde o noso punto de vista:
- Non coñecemos a personalidade xurídica do colectivo denominado “Sociedad Gitana de Galicia”, nin o contido da súa comunicación co vicepresidente da Xunta. En troques, existen propostas encamiñadas ao éxito escolar da comunidade xitana xa asentadas na nosa comunidade, como a da propia Asociación Diversidades en Vilaboa, o programa Promociona da Fundación Secretariado Gitano, sendo Pontevedra a primeira cidade de Galicia onde se implantou o programa e se lograron os seus obxectivos, ou o programa de escolarización da Asociación de Promoción e Integración Gitana de Lugo. Non se trata xa de “programas piloto”, senón de experiencias reais e efectivas de educación e formación integral para as persoas xitanas en Galicia.
- En relación directa con esa cuestión, consideramos que a consulta de outras fontes accesibles, como son a Asociación Diversidades ou a Fundación Secretariado Gitano evitaría erros como os que recollemos no segundo punto destas precisións.