O pasado 16 de febreiro tivemos o pracer de poder impartir unha charla de sensibilización no instituto María Soliño (Cangas).
Estas charlas están desenvolvidas no marco do noso proxecto Pregatirea Maine, onde o principal obxectivo do acto era conseguir que os alumnos entendesen a inmigración desde outro punto de vista, tentar que empatizaran coas persoas que buscan unha vida mellor noutro país e as dificultades que pasan para integrarse nunha nova cultura, e ao mesmo tempo, facerlles comprender dunha maneira práctica, que as etiquetas impostas ás persoas estranxeiras dificultan a súa inserción social, e que eles poden participar no cambio desta situación.
A charla foi realizada polo noso compañeiro Hafdallah, un psicólogo saharauí, que conta cunha gran capacidade para tratar con rapaces.
Tras facer unha introdución sobre os aspectos básicos que implica a inmigración, realizou un xogo de rol “A discoetiqueta”, que consistía en etiquetar a oito alumnos e facer que entre eles se tratasen segundo a súa etiqueta nun ambiente de discoteca. Nalgúns casos as etiquetas eran positivas, como “abrázame”, e noutros casos eran negativas, como “expúlsame do grupo”, “insúltame”. Neste xogo a intención era facer comprender aos alumnos, que a forma que temos de etiquetar ás persoas en base a prexuízos poden facer dano a aqueles que se lle impoñen esas etiquetas, e que antes de etiquetar debemos pensar en como sentirá esa persoa cando nos relacionemos con ela desa maneira. E para finalizar contoulles a súa historia de vida, unha historia realmente impactante, non só pola parte máis dramática da situación que viviu, senón tamén pola capacidade de resiliencia que tivo ao longo da súa vida.
O desenvolvemento da charla fixo que a medida que avanzaba, os alumnos fosen empatizando progresivamente co colectivo inmigrante, sendo o final da charla o máis emotivo, probablemente pola historia de vida contada en primeira persoa por Hafdallah.