Monthly Archives: Febreiro 2017

  • -

Por un mundo sen fronteiras

O mundo está cheo de fronteiras invisibles: os prexuízos, os estereotipos, as discriminacións; tamén os medos, as manías e a falta de sensibilidade… Unha desas fronteiras separa a persoas competentes e capaces, con ganas de traballar e de cambiar a súa vida dun mercado de traballo que non sempre dá oportunidades ás persoas que as merecen.

Algunhas desas persoas como Alicia, Celia, Luciana, Nora, Jorgelina, Luci, Daniela, Florence ou Rocío reúnense para aprender xuntas, para superar a soidade e para avanzar no camiño do coñecemento e da inserción laboral. Soas non poden: precisan de persoas como Ana, dispostas a poñer tempo, ganas e coñecementos ao servizo desa aprendizaxe, nunha aventura compartida que comezou no mes de Outubro e que debe rematar alá polo 20 de maio, cando se celebren en Silleda as probas de Competencias Clave que permitan a estas mulleres acceder aos cursos AFD de nivel 2, os máis numerosos e os máis interesantes para a inserción laboral. Esa proba é a porta que abre esa fronteira invisible que separa a estas persoas competentes e capaces das oportunidades laborais que necesitan.

O compromiso voluntario de Ana fai posible derribar esas fronteiras.

Tamén ti podes axudar a acabar coas fronteiras. Faite voluntario/a!


  • -
Nikolai

Nikolai

Hoxe, logo de 25 anos negándoselle os dereitos humanos máis básicos, Nikolai, cidadán do mundo, ten un documento que recoñece a súa personalidade. E comeza a ter dereito a residir onde el elixa, con liberdade, sen ser perseguido por iso.

Hoxe foi un día feliz para Nikolai.

Para a Asociación Diversidades, hoxe foi un día grande.


Da Declaración Universal de Dereitos Humanos:

Artigo 6ª.

Todo ser humano ten dereito, en tódalas partes, ó recoñecemento da súa persoalidade.

Artigo 13ª.

  1. Toda persoa ten dereito a circular libremente e a elixir a súa residencia no territorio dun estado.
  2. Toda persoa ten dereito a saír de calquera país, incluso do propio, e a voltar ó seu país.

Artigo 14ª.

  1. En caso de persecución, toda persoa ten dereito a buscar asilo, e a disfrutar del, en calquera país.
  2. Este dereito non poderá ser invocado contra unha acción xudicial realmente orixinada por delictos comúns ou por actos opostos ós propósitos e principios das Nacións Unidas.

Artigo 15ª.

  1. Toda persoa ten dereito a unha nacionalidade.
  2. Ninguín será privado arbitrariamente da súa nacionalidade nin do dereito a cambiar de nacionalidade.

Esta acción foi posible grazas ao apoio da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo.