O Director Xeral de Inclusión visita Diversidades Acolle

  • 0

O Director Xeral de Inclusión visita Diversidades Acolle

Vigo, 26 de xaneiro 2018

O Director Xeral de Inclusión, Arturo Parrado, visita os proxectos de Inclusión Social da Asociación Diversidades Acolle

Arturo Parrado, Director Xeral de Inclusión Social

O Director Xeral de Inclusión Social da Consellería de Política Social , Arturo Parrado, acompañado polo Delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves e pola Xefa Territorial, Marta Iglesias Bueno, achegáronse esta mañá á sede Diversidades Acolle para interesarse polos proxectos da nosa Asociación, especialmente por aqueles que son financiados directamente a través da Orde de Inclusión Social. Puideron coñecer e saudar persoalmente aos participantes no proxecto BROS, ao alumnos do curso de Introdución á Sociedade de Acollida, así como comprobar de primeira man os resultados de inserción laboral e de regularización administrativa dos participantes nos itinerarios individualizados en nas accións de mediación.

No encontro estiveron presentes unha representación do voluntariado da Asociación e tamén a maior parte dos profesionais que integramos o equipo técnico, escusando a súa asistencia a nosa presidenta, Amparo Ramilo, por motivos laborais.

Coñecemento da realidade social

O Director Xeral interesouse en coñecer a realidade social da inmigración en Vigo, desde a nosa experiencia particular. Fixemos particular fincapé na relación directa entre os fluxos migratorios e o deterioro das condicións de vida dos países de orixe, así como no forte compromiso da maioría das persoas e das familias por establecer vínculos positivos na nosa sociedade, nomeadamente a través da inserción laboral.

Mellorar o espazo de acollida e de formación

Arturo Parrado interesouse por coñecer aqueles aspectos que se poden mellorar a realización dos proxectos de inclusión. Adiantar as convocatorias e mellorar a temporalización foron dous aspectos de acordo entre o enfoque actual da Dirección Xeral e o da nosa entidade.

Pero a nosa maior preocupación actual está centrada en mellorar os espazos de acollida e, sobre todo, de formación. A ausencia de lugares adecuados imposibilitaron a realización dun curso de cociña que tiñamos concedido, dificulta a materialización do curso de Operacións Básicas de Comercio e crea inseguridade á hora de impartir as clases de competencias clave. O Delegado e a Xefa territorial traballarán conxuntamente coa Dirección Xeral para buscar solucións satisfactorias para esta situación.

O apoio do Fondo Social Europeo

Un dos aspectos de financiamento sobre os que tamén tivemos ocasión de falar foi o apoio do Fondo Social Europeo. Valoramos que se está convertendo nun apoio fundamental para a inclusión social, para a realización de itinerarios individualizados e para formar e capacitar ás persoas, permitíndolles desenvolver o seu propio proxecto de vida. Aínda que tamén enfatizamos nas dificultades derivadas dos cambios de criterio de financiamento a respecto das accións formativas, así como as peculiaridades da aplicación dos novos criterios de medición dos resultados.

O Decreto de Inclusión Social

Por último, tivemos ocasión de intercambiar puntos de vista sobre o borrador do decreto que regulará a aplicación da Lei de Inclusión Social (RISGA). Aínda que valoramos moi positivamente o pulo que está recibindo o Decreto, insistimos na necesidade de remover todos os obstáculos que desincentivan a inserción laboral das persoas que realizan un itinerario e que poden atopar un emprego. Fixemos especial fincapé en flexibilizar a compatibilidade entre a prestación e os ingresos por traballo, e na posible prolongación da prestación nos casos en que o mercado laboral ofrece maiores niveis de pobreza que os propios mecanismos de protección social.

 


Leave a Reply

*