Un ano despois do Real Decreto-Lei 7/2018

Por unha sanidade universal

Un ano despois do Real Decreto-Lei 7/2018

A Asociación Diversidades Acolle, como membro da federación Red Acoge, participa activamente en REDER para mellorar o acceso á saúde da poboación inmigrante. Co gallo do aniversario do Real Decreto-Lei 7/2018 consideramos oportuno compartir este manifesto:

31/07/2019. – Hoxe cúmprese xusto un ano desde a entrada en vigor do Real Decreto-Lei 7/2018 de 27 de xullo, sobre acceso universal ao Sistema Nacional de Saúde. Tras máis de seis anos de loita contra a exclusión sanitaria, inxusta e inxustificada, as organizacións da sociedade civil demos a benvida ao anuncio da entón Ministra Carmen Montón de recuperar o dereito á saúde como núcleo esencial do sistema sanitario e garantir este dereito a todas as persoas para que ninguén quede atrás. Lamentablemente, a realidade 365 días despois dista moito de parecerse a aquela declaración de intencións.

Desde o mesmo momento en que o Ministerio nos trasladou o primeiro borrador do novo Real Decreto-Lei, as organizacións hoxe aquí presentes alertamos que o texto era excesivamente ambiguo, non abordaba algunha das situacións de exclusión máis graves e mesmo abría a porta á desprotección das persoas en situación de maior vulnerabilidade. Por desgraza, as nosas advertencias caeron en saco roto, e o Goberno optou por aprobar unha lexislación insuficiente que non serviu para derrubar o muro da exclusión sanitaria. Hoxe, un ano despois estamos aquí para facer visible e denunciar que en España segue vulnerándose o dereito á saúde de moitas persoas.

Estamos ante a evidencia dunha situación de vulneración do dereito á saúde que aínda non foi resolta. Desde a entrada en vigor do RDL 7/2018, tivemos constancia polo menos de 1.358 casos entre os que se contan 55 mulleres embarazadas; 116 menores de idade, 44 solicitantes de asilo, 85 facturacións en urxencias, 35 persoas reagrupadas ou 626 persoas que non puideron ver recoñecido o seu dereito como consecuencia das barreiras administrativas existentes. Así mesmo, e como resultado destas exclusións, non foron debidamente atendidas enfermidades tan graves como 23 casos de cancro, 22 casos de enfermidades cardiovasculares, 24 casos de diabetes, 21 casos de hipertensión, 12 casos de VIH ou 14 casos de saúde mental grave. As cifras resultan elocuentes: non se trata de casos illados, senón dunha profunda falla do sistema que urxe corrixir.

As organizacións lamentamos que desde o Ministerio se ignoraron repetidamente as suxestións e recomendacións que de forma reiterada trasladamos desde a sociedade civil. Como consecuencia, miles de persoas seguen sen poder acceder aos servizos básicos de saúde, e por tanto seguen sufrindo exclusión sanitaria no noso país. Por iso, debemos lembrar unha vez máis ao Goberno os compromisos adquiridos en virtude dos acordos internacionais sobre Dereitos Humanos, en particular as Recomendacións emitidas polo Comité de Dereitos Económicos Sociais e Culturais ao Goberno español en abril de 2018 que instan a adoptar as medidas necesarias para que as persoas migrantes teñan acceso aos servizos de saúde sen discriminación algunha.

É por tanto urxente e necesaria unha regulación integral e garantista, que sitúe no centro o dereito á saúde, e garanta o acceso ao sistema sanitario con cargo a fondos públicos e en condición de igualdade a todas as persoas que viven en España, sen distinción de ningún tipo. Só así poderemos chamar ao noso Sistema Nacional de Saúde universal, facendo realidade a intención manifestada polo Ministerio hai un ano. É hora de derrubar o muro da exclusión sanitaria dunha vez por todas.


Leave a Reply

*