Comunicado de Red Acoge fronte ao fallo do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos sobre a práctica de devolucións sumarias en España
Desde Red Acoge, valoramos como vergoñento e inadmisible o fallo da Gran Sala do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, no que se anulou a condena de 2017 a España polas prácticas de devolucións sumarias na Fronteira Sur.
A culpabilización das persoas que tentaron cruzar a fronteira por non utilizar os procedementos oficiais de entrada, como se argumenta no fallo, evidencia un descoñecemento inaceptable dos dereitos máis básicos que asisten ás persoas que foxen dos seus países, por parte dun Tribunal que debería protexelos.
As escasas vías legais existentes, e as dificultades de acceso a elas por parte das persoas que tentan cruzar as fronteiras, fan que miles de persoas poñan en risco a súa vida todos os días obrigándoas a migrar a través de vías irregulares. Este é só un dos elementos que conforman unha política migratoria caracterizada polo peche de fronteiras e o bloqueo á libre circulación de persoas.
Segundo o Dereito Internacional dos Dereitos Humanos, ningunha persoa pode ser retornadas a un terceiro país sen o seu consentimento libre e informado e en ausencia de toda intervención administrativa ou xudicial previa, independentemente do seu status migratorio ou da vía de entrada no país.
As devolucións sumarias infrinxen un trato degradante e inhumano ás persoas que cruzan unha fronteira. A estas persoas asístenlles diferentes dereitos para darlles protección, como o dereito a solicitar asilo, á atención letrada, interpretación, atención médica, acceso á tutela xudicial efectiva, ao recurso ante os tribunais da propia expulsión e o dereito á vida.
Independentemente desta resolución, a práctica de devolucións sumarias continúa dándose nas nosas fronteiras. Numerosos organismos de Nacións Unidas denunciaron esta práctica realizada por España, e reiteraron a necesidade de modificar a lexislación española e pór fin á execución de devolucións sumarias que vulneran os dereitos das persoas migrantes.
Por este motivo reiteramos ao actual Goberno a súa obrigación de cumprir co principio de non devolución, independentemente da vía de entrada ao país e denunciamos os obstáculos aos que se enfrontan as persoas para migrar a través de vías regulares e seguras. O Estado español ten a obrigación de garantir os dereitos humanos de todas as persoas durante a atención, identificación e acollida nas súas fronteiras e estas non poden ser devoltas xa que, de facelo porían novamente en risco a súa vida.
As políticas cuxo obxectivo é frear e limitar a migración, só serven para exacerbar os riscos aos que se expoñen as persoas migrantes e crear zonas de ilegalidade e impunidade nas fronteiras. Unhas fronteiras que non poden converterse en zonas de exclusión ou excepción das obrigacións dos dereitos humanos. O Estado español ten dereito a exercer a súa xurisdición nas súas fronteiras internacionais, pero deben facelo conforme ao ás súas obrigacións.
(Asociación Diversidades é unha entidade federada en Red Acoge)