Diversidades Acolle busca xornalistas para formar un focus group sobre migración e medios de comunicación

A ONG Diversidades Acolle convoca a todos os e as xornalistas de Galicia a participar nun focus group sobre migración e medios de comunicación. Un encontro en liña que terá lugar o vindeiro martes 15 de xuño ás 18 horas, aproveitando a proximidade co Día das Persoas Refuxiadas. Trátase dunha iniciativa enmarcada dentro do proxecto Inmigracionalismo, que coordina a ONG Red Acoge e que se executa nalgunhas das entidades federadas en España (Diversidades en Galicia). 

Este proxecto analiza cada ano o tratamento mediático que fan os medios de comunicación en España da migración. Conta cunha liña de investigación cuantitativa que se basea na análise dos contidos publicados por máis de 20 medios atendendo ao uso da imaxe, titular, fontes ou léxico empregado, entre outros asuntos. E, doutra banda, traballa unha metodoloxía cualitativa, na que se enmarca este focus group. Inmigracionalismo busca contactar cos propios profesionais para rexistrar as dinámicas den tro das redaccións, os procesos de traballo dos profesionais e as súas ideas, propostas e experiencias. 

O punto de partida para a conversación serán as conclusións que aparecen no informe do ano 2020 e o encontro estará moderado polo xornalista Alfre Teja, quen está a cargo deste proxecto en Galicia. Desde a organización convidan a todos os e as profesionais de Galicia a participar, e solicitan que comuniquen devandito interese a través do correo electrónico comunicacion@diversidades.org 

Todas e todos os participantes serán mencionados como agradecemento no informe resultante deste traballo, se así o desexan.

Este é un proxecto cofinanciado polo Ministerio de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones e o Fondo Social Europeo de Asilo, Migración e Integración.

Published by