Reflexionamos sobre refuxio nos colexios de Tui

Reflexionamos sobre refuxio nos colexios de Tui

O pasado 25 de outubro, co gallo do Día Internacional das Bibliotecas, participamos na inauguración da nova biblioteca do Colexio Número 1 de Tui, cunha serie de actividades de sensibilización sobre refuxio e acollida para os mais cativos.

Dende infantil ata sexto de primaria, perto de 200 alumnas e alumnos do centro participaron moi proactivamente nas actividades desenvolvidas, que incluíron xogos, visionado de cortos documentais e debates sobre a orixe das migracións, as solicitudes de asilo e refuxio, os dereitos das personas refuxiadas e a necesidade de fomentar a cultura de acollida na sociedade.

Así, co apoio do corpo docente do centro, a nova biblioteca escolar converteuse, por un día, no esceario fantástico de historias e vivencias sobre asilo e refuxio mais aló das recollidas nos libros.

A actividade realizouse ao abeiro do ciclo de actividades de sensibilización que dende a asociación realizamos nos diferentes centros educativos da comarca co fin de contribuir a fomentar unha educación intercultural reflexiva nas aulas que repercuta fóra delas co exercicio dunha cidadanía aberta, acolledora e consciente das diversidades que integran a nosa sociedade.