Santiago González Avión, director da Asociación Diversidades, participou onte nunha mesa redonda en Santiago de Compostela convocada pola Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas, xunto con Gonzalo Sáez, da Asociación Arraianas , e a moderación de Miguel Fernández Blanco.
No encontro aclaráronse diferentes aspectos da protección internacional e debatiuse sobre o papel das administracións públicas, das entidades sociais e da cidadanía no que respecta ao acollimento das persoas solicitantes de protección internacional.
A Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas é un espazo de denuncia social integrado por diferentes organizacións da sociedade civil, políticas, sociais e sindicais, co obxectivo de denunciar a xestión das crises migratorias de persoas refuxiadas por parte das diferentes institucións e gobernos da Unión Europea.
A denuncia política é a primeira acción da rede, xunto coa exixencia de medidas a curto prazo que permitan a pasaxe segura das persoas refuxiadas nas fronteiras e a derogación do pacto de expulsión masiva asinado con Turquía. O debate social é outro dos principais eixos da rede, cos que se busca apelar á sensibilidade e solidariedade das cidadás e cidadáns sobre os dereitos das persoas refuxiadas e a xestión que desde as institucións europeas e estatais se está a facer. Nese marco é que se celebrou onte unha nova mesa redonda sobre o tema específico da protección internacional.
A rede constituise polo seu cuestionamento ao conxunto da política migratoria da Unión Europea e reclama o final dos conflitos bélicos que levan por diante os dereitos das persoas, homes, mulleres, nenas, nenos e persoas maiores, que só queren desenvolver unha vida digna en paz, como o resto das poboacións mundiais.