18 decembro 2024
Desde a Federación Red Acoge, reafirmamos o noso compromiso coa defensa e promoción dos dereitos humanos en pé de igualdade e coa construción dunha sociedade onde ningunha persoa poida ser discriminada por motivo de nacemento, orixe racial ou étnica, sexo, relixión, convicción ou opinión, ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.
Durante os últimos anos asistimos á proliferación dos discursos de odio, racistas e xenófobos, que criminalizan os movementos migratorios de miles de persoas que ven obrigadas a deixar o seu país. Discursos que teñen graves consecuencias, tanto nas vidas das persoas migrantes, ao ser precursores de actos discriminatorios contra elas, como na sociedade no seu conxunto onde se promove o racismo, a xenofobia e o odio.
O clima de confrontación, que pretende alimentarse desde determinados espazos, precisa dunha resposta social e política activa para defender os principios máis básicos da convivencia sobre os que se asintan os dereitos humanos: a dignidade de todas as persoas para desenvolverse integralmente e participar plenamente na sociedade, a igualdade no exercicio dos dereitos sen discriminación algunha e a liberdade para defendelos e loitar polo seu pleno cumprimento.
No Día Internacional das persoas Migrantes:
– Instamos a todos os responsables de toma de decisións a adoptar un compromiso moito máis claro e decidido para erradicar do debate social e político os discursos de odio, impulsando medidas para previr e loitar contra todo tipo de violencias e discriminacións, protexendo os dereitos humanos, a diversidade e a convivencia.
– Reiteramos a importancia de manter e defender un discurso público, político e mediático sobre as migracións baseado nos dereitos humanos, que non deshumanice, criminalice e xere estereotipos e prexuízos sobre as persoas migrantes.
– Facemos un chamamento ao conxunto da cidadanía para loitar unidas contra o racismo e a xenofobia e defender os dereitos de todas as persoas en igualdade.
É necesaria a defensa diaria dos dereitos humanos para evitar o seu retroceso. Só cunha sociedade consciente e comprometida co seu papel poderase seguir avanzando no seu recoñecemento e garantía.