Diversidade cultural no curso de Lingua Española

ImaxeUn numeroso grupo de mulleres participa desde o pasado 22 de outubro no curso de lingua española para estranxeiros organizado pola Asociación Diversidades. O Curso realízase de luns a xoves na sede da asociación en horario de 16:00 a 18:00.

Concibido inicialmente pensando na poboación romanesa da cidade de Vigo, o grupo que acabou realizando o curso de Español para estranxeiros foi bastante máis plural na súa configuración, incluíndo persoas de Senegal, Rusia, Ucraína, Brasil, Corea e, por suposto, Romanía.

O curso desenvolve temas da vida cotiá, pensados para a interacción social nos medios máis habituais, nomeadamente aqueles en que as persoas en risco de exclusión procuran alternativas para unha vida máis plena.
Aínda que se traballaron tamén cuestións de comprensión e expresión escrita, especialmente pensadas para aquelas participantes que teñen un maior nivel de lectoescritura na súa lingua natal, o curso está pensado para desenvolver as habilidades de comprensión e expresión oral, determinantes no día a día de calquera persoa.
O curso está constituíndo, ademais, un excelente momento de encontro entre persoas de diferentes culturas que practican, xunto coa lingua, a tolerancia, a convivencia e a construcción dunha sociedade intercultural.

Expectativa arredor do Curso de Comercio

O curso de comercio da Asociación Diversidades desenvolve o nivel 1 do certificado de profesionalidade de auxiliar de Dependente, da familia profesional de Comercio. Como noutras ocasións, a docencia de Elisa Martínez Zúñiga céntrase no desenvolvemento das habilidades sociais para a prestación de servizos. Este enfoque de adestramento de competencias persoais permite a participación de persoas de moi diferentes procedencias, ofrecendo niveis de mellora apropiados á experiencia previa de cada quen. Ademais, pretende ofrecer unha visión práctica dos contidos do Certificado de Profesionalidade.

A expectativa céntrase na actualidade na posibilidade de realizar prácticas non laborais no período do Nadal e as rebaixas de xaneiro, de forma que se complete a formación no posto de traballo.
As próximas semanas resultarán determinantes para poder concretar ese horizonte formativo que anceian os participantes e que é un obxectivo declarado da Asociación Diversidades no enfoque deste curso.

Gran afluencia de participantes no Curso de Competencias – Clave

Curso de Competencias - Clave

O curso de Competencias Clave, que comezou o pasado 28 de outubro, e durará ata o 14 de decembro, comezou cunha alta participación e unha forte inquedanza a nivel comunitario, sendo moitas as entidades que enviaron persoas ao mesmo. O curso pretende capacitar aos participantes para poder acudir ás probas de Competencias – Clave, no momento en que sexan convocatas, e poder superar con éxito as materias de Lengua Española, Matemáticas e Sociais, ademais de realizar unha introdución á competencia dixital.

Nova andaina do programa Bun Venit

O programa Bun Venit, que tivo unha primeira andaina durante a primavera do presente  2013, volve con forza para o outono, coincidindo coa recepción dun grupo de estudantes de intercambio.
Ademais das accións de mediación coas que se puxo en marcha o proxecto de itinerarios de inclusión, agora éstes van ser reforzados con diferentes accións formativas:

  • Español para estranxeiros
  • Competencias – Clave
  • Comercio 1 (teoría e práctica).

Esta aposta formativa pretende reforzar as capacidades existentes na poboación romanesa de Vigo e facilitar a súa inserción no mercado de traballo.