DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA DISCRIMINACIÓN RACIAL OU ÉTNICA

COMUNICADO  RED ACOGE 21/03/2020

No Día Internacional da Eliminación da Discriminación Racial ou Étnica, desde RED ACOGE, queremos amosar a nosa especial preocupación polos discursos de odio, racistas e xenófobos cara ás persoas migrantes, que se levan a cabo por parte de líderes de opinión.

Discursos caracterizados pola utilización dun enfoque alarmista, a criminalización e deshumanización da poboación  migrante, e o uso de datos falsos ou terxiversados, xerando prexuízos e estereotipos e unha actitude de rexeitamento cara á poboación  migrante. A reprodución destas mensaxes por parte da cidadanía ten un impacto social directo, xa que inflúen na percepción, recibimento e interacción coa realidade migratoria, fomentando actos discriminatorios contra a poboación  migrante.

Por este motivo, é imprescindible promover discursos nos que se teña en conta que  migrar é un dereito inherente á condición humana, e que as persoas que  migran son suxeitos destes dereitos. Ademais de xerar discursos alternativos, cun enfoque de dereitos, a cidadanía como receptora de discursos de odio, temos a capacidade de loitar contra a xenofobia e o racismo que se desprende desas mensaxes. Así mesmo, temos o poder de contrarrestalos sendo axentes de cambio denunciando calquera feito discriminatorio que suframos ou presenciemos.

Desde Red Acoge poñemos ao dispor da sociedade varias ferramentas para denunciar casos de discriminación, entre elas a App Alerta Discriminación, que nos serve para visibilizar estas situacións e actuar para que non queden impunes.

O 21 de marzo apelamos á cidadanía e a todos os actores sociais e, en particular aos poderes públicos, ademais de formacións políticas e medios de comunicación, a loitar contra os discursos xenófobos e  intolerantes dirixidos á sociedade en contra das persoas  migrantes e refuxiadas.

Fronte ao discurso de odio… Actuemos!

Red Acoge

Podes ler este manifesto na súa publicación orixinal: Castellano

Tamén nas traducións que ofrece Red Acoge:

Encontro de Voluntariado de Nadal

Vigo, 18 de decembro de 2019

Hoxe, día internacional das migracións, a Asociación Diversidades Acolle reuniuse arredor do voluntariado que fai posible cada día os proxectos que levamos a cabo, especialmente o voluntariado do proxecto de Competencias Clave de Persoas Adultas e o de Integración do Alumnado Ingrante, que chamamos B-Team.

O momento máis entrañable da festa foi o encontro entre Maricarmen, a profesora de Español, con Miguel, voluntario de B-Team, que foran no seu día profesora e alumno e coinciden hoxe en diferentes proxectos da nosa asociación. Este encontro interxeneracional amosa que a solidariedade forma unha cadea de unión entre as persoas que transcende a condición de cada quen.

Grazas a todas e todos por esta lección de vida!

Na Festa Intercultural do Toural

1 xullo 2019.

O pasado 20 de xuño estivemos no CPI O Toural de Vilaboa para compartir, como cada ano, a Festa Intercultural, despois dun curso académico de esforzo pola integración.

Con mesa de reciclaxe, obradoiro de circo, teñido de camisetas, dinámicas de inclusión (a cargo do equipo educativo de Diversidades Acolle), comida internacional, percusión con bidóns, pompas de xabón, taller de astronomía e moitas máis actividades divertidas e nutritivas.

Gracias por deixarnos formar parte!

Remata o Curso de Sociedade de Acollida 2018

Vigo, 21 de decembro de 2018

Hoxe, coa realización dun obradoiro de coiro, no que cada quen elaborou a súa propia funda para os cascos do móbil, rematou o Curso de Introdución á Sociedade de Acollida, correspondente ao último trimestre de 2018. O obradoiro foi compartido co alumnado do proxecto Bros (Escola de Segunda Oportunidade), e acompañado cun pequeno refrixerio.

Ata o ano que ven!

Aula Social

O pasado venres día 23 de novembro, tivemos a oportunidade de participar na Aula Social que realizan as traballadoras sociais dos centros sanitarios no Hospital Nicolás Peña, na que se presentou, entre outros, o proxecto de Retorno Voluntario que levamos a cabo na asociación. Xunto a nós tamén presentou o seu traballo a Asociación Provivienda coa que tamén colaboramos para dar saída a situacións específicas de vivenda. 
Agradecer ás traballadoras sociais polo seu interese e por convidarnos a participar e a compartir nun espazo tan interesante como necesario.

FOANPAS e Diversidades Acolle comparten proxectos educativos

Vigo, 27 de setembro de 2018

Reunión FOANPAS-Diversidades Acolle

Este mediodía tivo lugar unha reunión entre a Federación Olívica de ANPAS – FOANPAS e a Asociación Diversidades Acolle para compartir as inquedanzas mutuas arredor da educación inclusiva e intercultural.

Na xuntanza estiveron presentes Bertila e Chus por parte de FOANPAS e Belén e Laura por Diversidades.

Dentro das novidades presentadas está o proxecto ALL IN, no marco do programa Erasmus+, para a inclusión social de todas as persoas vulnerables, o produto final do Proxecto NEELI para a adquisición de competencias interculturais no marco da educación non formal. Tamén existe a posibilidade de incorporar esta formación á eduación formal mediante o programa Conecta Cultura.

Tratouse tamén sobre os proxectos de mediación entre iguais e de Escolas de Familias.

Presentación do proxecto NEELI

Seminario de presentación do proxecto NEELI (Non-formal education & e-learning for inclusion) Erasmus +

A Asociación Diversidades, entidade membro de RED ACOGE, realizará unha actividade de difusión e presentación dos resultados do proxecto NEELI (Non-formal education & e-learning for inclusion) enmarcado no programa Erasmus + o próximo 6 de setembro, xoves. O evento terá lugar nas instalación da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a partir das 9.30 horas.

O NEELI é un proxecto de educación non formal para á inclusión social. Céntrase na aprendizaxe intercultural, abordando temas como:

  • Cultura, identidade e interculturalidade
  • A educación intercultural das mozas e mozos migrantes
  • Comunicación intercultural e manexo de conflitos
  • Empoderamento da xente nova migrante
  • Participación democrática da mociadade migrante
  • Acceso ao Mercado de traballo das mozas e mozos migrantes

O material de aprendizaxe está deseñado e recomendado para xoves traballadores, mentores e educadores que traballan co xente nova con antecedentes migratorios e que están abertos a utilizar métodos de aprendizaxe non formal.

O interese da Asociación Diversidades é incorporar esta aprendizaxe ao programa de Conecta Cultura, un programa deseñado para a formación intercultural na aula dentro do Plan Proxecta da Consellería de Educación, co financiamento e apoio organizativo da Consellería de Política Social.

Graduación dunha muller musulmana

A diversidade é unha das forzas de Europa, pero podemos observar e sentir unha discriminación aberta ou encuberta a nivel social, nivel cultural e económico. O racismo e a xenofobia están entre as formas máis xeneralizadas de discriminación que experimentan as persoas debido á súa orixe, cultura, lingua, ou estilo de vida. Hoxe en día -debido a situacións de orde político, económico e social a nivel mundial- a migración é unha das cuestións máis importantes dentro do EU e no mundo, e afrontamos cada día situacións e desafíos en conexión coa interculturalidade. A día de hoxe é esencial non só mellorar as nosas competencias interculturais e a nosa sensibilidade, senón tamén desenvolver boas prácticas e métodos que poidan axudar a entender, tolerar, aceptar ao outro e apoiar a integración social, educativa de nenos e nenas e da xente nova procedentes de minorías ou con antecedentes migratorios.

Unha vida mellor

Intervención de Belén Arranz nas Xornadas de Inmigración e Integración do ESOMI – Universidade da Coruña

O pasado martes, 2 de maio de 2017, a nosa compañeira Belén Arranz realizou unha intervención nas Xornadas de Inmigración e Integración do ESOMI, na Universidade da Coruña. Pódese consultar o programa completo aquí.

A intervención resume tanto a investigación sobre as dinámicas migratorias dos grupos familiares extensos procedentes de Romanía, pertencentes ás minorías étnicas xitanas, como os longos anos de experiencia na intervención social directa con esta poboación.