Formación de voluntariado

Comezamos esta tarde o curso de formación inicial de voluntariado de 2020. Unha magnífica ocasión para reflexionar conxuntamente co noso compromiso coas persoas migrantes en risco, e para pensar na forma en que desde Diversidades Acolle creamos oportunidades e solidariedade.

De forma dialogada e participada fomos construíndo entre todas o significado do voluntariado, a necesidade de traballar de forma coordinada e organizada, así como os dereitos e deberes das persoas voluntarias, das organizacións de voluntariado e, sobre todo, das persoas que participan nas nosas actividades e que dan sentido ao noso compromiso.

Encontro de Voluntariado de Nadal

Vigo, 18 de decembro de 2019

Hoxe, día internacional das migracións, a Asociación Diversidades Acolle reuniuse arredor do voluntariado que fai posible cada día os proxectos que levamos a cabo, especialmente o voluntariado do proxecto de Competencias Clave de Persoas Adultas e o de Integración do Alumnado Ingrante, que chamamos B-Team.

O momento máis entrañable da festa foi o encontro entre Maricarmen, a profesora de Español, con Miguel, voluntario de B-Team, que foran no seu día profesora e alumno e coinciden hoxe en diferentes proxectos da nosa asociación. Este encontro interxeneracional amosa que a solidariedade forma unha cadea de unión entre as persoas que transcende a condición de cada quen.

Grazas a todas e todos por esta lección de vida!

Por un mundo sen fronteiras

O mundo está cheo de fronteiras invisibles: os prexuízos, os estereotipos, as discriminacións; tamén os medos, as manías e a falta de sensibilidade… Unha desas fronteiras separa a persoas competentes e capaces, con ganas de traballar e de cambiar a súa vida dun mercado de traballo que non sempre dá oportunidades ás persoas que as merecen.

Algunhas desas persoas como Alicia, Celia, Luciana, Nora, Jorgelina, Luci, Daniela, Florence ou Rocío reúnense para aprender xuntas, para superar a soidade e para avanzar no camiño do coñecemento e da inserción laboral. Soas non poden: precisan de persoas como Ana, dispostas a poñer tempo, ganas e coñecementos ao servizo desa aprendizaxe, nunha aventura compartida que comezou no mes de Outubro e que debe rematar alá polo 20 de maio, cando se celebren en Silleda as probas de Competencias Clave que permitan a estas mulleres acceder aos cursos AFD de nivel 2, os máis numerosos e os máis interesantes para a inserción laboral. Esa proba é a porta que abre esa fronteira invisible que separa a estas persoas competentes e capaces das oportunidades laborais que necesitan.

O compromiso voluntario de Ana fai posible derribar esas fronteiras.

Tamén ti podes axudar a acabar coas fronteiras. Faite voluntario/a!