Balance das probas libres de ESO 2020

Aula proxecto Bros Segunda Oportunidade

Balance das probas libres de ESO 2020

Vigo, 23/09/2020.

A Asociación Diversidades, en coherencia co seu compromiso coa mellora educativa do alumnado inmigrante e coa segunda oportunidade educativa, organizou grupos de estudo asistido durante os meses de xullo e agosto, por terceiro ano consecutivo, co obxecto de preparar as probas libres da ESO da convocatoria de 2020. Esta acción de reforzo educativo pretendía compensar parcialmente os efectos negativos da anulación das probas de competencias clave nivel 2, que afectou a máis de trinta persoas participantes nas nosas accións formativas. Para levar adiante esta acción, a Asociación Diversidades contou co apoio financeiro e a parcería de Open Value Foundation, que tratou de enfocar as súas liñas de apoio a aquelas accións que estivesen orientadas a paliar os efectos sociais da pandemia do COVID-19.

Nas probas libres da ESO participaron un total de 8 alumnos e alumnas de dous grupos de idade diferentes: persoas adultas e adolescentes en situación de abandono escolar prematuro. Ningunha destas persoas foi proposta para o título pola comisión de avaliación, pero as cualificacións supoñen un paso adiante no proceso de cualificación dunha parte significativa de ambos grupos. Os resultados obtidos son os seguintes:

Materias Aprobadas ESO 2020

Unha persoa tiña unha materia aprobada do ano anterior. Ademais, houbo sete materias ás que o noso alumnado non concorreu por entender que non tiñan suficientemente preparado o exame. Das materias ás que se presentaron efectivamente, houbo oito suspensas e sete aprobadas. Estaríamos ante un 33% de éxito nas materias da convocatoria.
Das persoas presentadas, tres delas non superaron ningunha materia nesta convocatoria; outras tres superaron unicamente unha materia (que foi a de ciencias sociais) e dúas conseguiron aprobar dúas das tres materias, quedando a un paso do título de ESO.

Por grupos de idade, só se presentaron 2 persoas do grupo de adultos e 6 do grupo de adolescentes, sendo este segundo grupo o que tivo máis materias aprobadas. Ademais, as dúas persoas que superaron dúas materias pertencen tamén a este grupo de idade.
Aínda que os resultados non poden ser considerados extraordinarios, para cada unha destas persoas que conseguiron un aprobado supón unha mellora na súa autoestima que as motiva para continuar. No seu proceso persoal supón un paso decisivo no retorno ao sistema educativo formal. Os ámbitos de coñecemento superados forman parte do seu currículo educativo de forma estable e convidan a manter os seus esforzos, os seus compromisos e os seus soños.