Por un mundo sen fronteiras

  • -

Por un mundo sen fronteiras

O mundo está cheo de fronteiras invisibles: os prexuízos, os estereotipos, as discriminacións; tamén os medos, as manías e a falta de sensibilidade… Unha desas fronteiras separa a persoas competentes e capaces, con ganas de traballar e de cambiar a súa vida dun mercado de traballo que non sempre dá oportunidades ás persoas que as merecen.

Algunhas desas persoas como Alicia, Celia, Luciana, Nora, Jorgelina, Luci, Daniela, Florence ou Rocío reúnense para aprender xuntas, para superar a soidade e para avanzar no camiño do coñecemento e da inserción laboral. Soas non poden: precisan de persoas como Ana, dispostas a poñer tempo, ganas e coñecementos ao servizo desa aprendizaxe, nunha aventura compartida que comezou no mes de Outubro e que debe rematar alá polo 20 de maio, cando se celebren en Silleda as probas de Competencias Clave que permitan a estas mulleres acceder aos cursos AFD de nivel 2, os máis numerosos e os máis interesantes para a inserción laboral. Esa proba é a porta que abre esa fronteira invisible que separa a estas persoas competentes e capaces das oportunidades laborais que necesitan.

O compromiso voluntario de Ana fai posible derribar esas fronteiras.

Tamén ti podes axudar a acabar coas fronteiras. Faite voluntario/a!