Arquivos da etiqueta: Red Acoge

Diversidades Acolle cumpre 8 anos

Diversidades nace o 6 de decembro de 2012 co obxectivo de atender os retos da diversidade cultural e da migración, co obxecto de contribuír a crear unha sociedade aberta, inclusiva e tolerante.

Nos primeiros tempos prestamos os nosos servizos nos colexios e nunha pequena oficina no número 9 da rúa Velázquez Moreno, en Vigo.

O 2 de agosto de 2016 comezamos unha nova andaina na nosa oficina actual, en García Barbón 36, 3º.

O 11 de xuño de 2017 a Asociación Diversidades intégrase en Red Acoge, federación de entidades pro-inmigrantes, pasando a denominarse Diversidades Acolle.

En decembro de ese mesmo ano, Diversidades Acolle pasa a integrar a Asociación Española de Escolas de 2ª Oportunidade, como membro do sector educativo.

No segundo semestre de 2018, Diversidades Acolle reorganiza os seus servizos para darlle a súa configuración actual.

O 18 de maio de 2020 abriu as súas portas o noso Centro de Acollida de Familias Refuxiadas de Tui. Con este novo centro cúmpríase un dos soños da nosa organización desde outono de 2015, cando a morte de Aylan Kurdi conmovera a conciencia de todas as persoas de ben, en plena crise humanitaria pola atención ás persoas que fuxían do conflito de Siria.

Hoxe, a Asociación Diversidades Acolle cumpre 8 anos e pretende seguir apostando por unha sociedade aberta, inclusiva e tolerante en medio da pandemia mundial da COVID-19.

Formación en Protección Internacional

Durante os días 16 e 17 de decembro, as responsables de Protección Internacional da Oficina Técnica de Red Acoge imparten formación para a apertura do Centro de Acollida de Persoas Refuxiadas de Diversidades Acolle.

Vigo, 16 de decembro de 2019

O vindeiro 2020 a Asociación Diversidades Acolle comezará unha nova andaina coa apertura dun Centro de Acollida para Persoas Solicitantes de Protección Internacional. A súa posta en marcha foi posible grazas á Red Acoge, a Federación de Entidades Sociais á que pertencemos e coa que decidimos identificarnos. Aínda que Red Acoge xestiona o programa de Protección Internacional desde 2017, será en 2020 cando implante a experiencia dos Centros de Acollida de forma complementaria aos pisos de acollida que viñan ofrecendo os servizos para a realización de itinerarios de Acollida, Integración e Acompañamento (metodoloxía AIA).A xornada de hoxe estivo centrada no coñecemento das ferramentas técnicas que farán posible os servizos de acollida no marco do noso centro. Contamos coa presenza de Tania Vilkhova, directora da Área de Acción Social e de Carolina Vicente, Responsable de Acollida Protección Internacional de Red Acoge. O noso agradecemento ao seu traballo e ao seu apoio.