Coñecendo Vigo: Sociedade de Acollida 2021


Este luns de entroido, e na liña de aprendizaxe da clase de Sociedade de Acollida, realizamos un percorrido histórico por Vigo, que nos levou a pasear polo centro histórico da cidade. Así tivemos a oportunidade de coñecer os principais monumentos e construcións, como o Sireno, o teatro García Barbón, a Colexiata, a estatua de Xullo Verne…e outros moitos. Finalmente, fixémonos unhas fotos na rúa do Príncipe, ante o MARCO.

O Curso Introdución á Sociedade de Acollida 2021 comezou o pasado 18 de xaneiro e durará ata o 31 de marzo, en horario de 10:00 a 13:00, na sede de UXT-Vigo que colabora coa cesión da aula e contribúe ao cumprimento das medidas de seguridade da acción formativa.

O curso realízase co financiamento da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e o Cofinanciamento do Fondo Social Europeo (O Fondo Social Europeo Inviste no teu Futuro).

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia


O 11 de febreiro conmemorase a nivel internacional o Día da Muller e a Nena na Ciencia ca finalidade de incentivar o acceso e a participación plena e equitativa das mulleres e nenas na ciencia. Pretende servir como empoderamento de mulleres e nena e como recordatorio de todas as aportacións que estas mesmas teñen feito a longo da historia de forma que nos aproximemos cada vez máis a igualdade de xénero.

No centro de Protección Internacional de Tui decidimos conmemorar este día a través de varias actividades. Unha primeira na que visibilizar a múltiples mulleres que ao longo da historia se dedicaron de forma moi exitosa á ciencia e inventaron obxectos e produtos básicos para o noso día a día no centro:

Colocamos os carteis con cada un dos inventos no lugar do noso centro onde o podemos atopar:

Por outra parte e para finalizar a xornada, tivemos a sorte de contar coa presenza de Marta Pérez Martínez e Elena Couñago Sánchez da Asemblea Feminista Paxaretas quen a través dunha teleconferencia fixeron un percorrido polas aportacións científicas de diversas mulleres ao longo da historia ata acabar relatando a sus propias vivencias e logros dentro do mundo da Ciencia.

Día Internacional contra o Cancro


O 4 de febreiro conmemórase internacionalmente o DÍA CONTRA O CANCRO co obxectivo de visibilizar e crear concienciación sobre unha problemática global que afecta a millóns de persoas ao ano.

No Centro de Protección Internacional de Tui tomamos parte na campaña internacional  #YoSoyYVoyA difundindo a mensaxe e tratando de crear sensibilización no propio centro:

Prestamos especial interese aos factores de risco modificables xa que son sobre os que podemos intervir. Coidar a alimentación, controlar o consumo de alcohol e tabaco e realizar actividade física son accións que todas as persoas, en maior ou menor medida, podemos controlar e que terán un gran impacto positivo na nosa saúde xeral e na prevención do cancro en particular.

Día Internacional dos Dereitos Humanos


Con motivo do Día Internacional dos Dereitos Humanos que se celebra o 10 de decembro para conmemorar que nese mesmo día de 1948 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas adoptou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, realizouse un obradoiro a cargo das persoas usuarias do Centro de Acollida de protección internacional.

Nesta charla tivemos a oportunidade de coñecer que son os Dereitos Humanos, a súa historia e características, así como varios exemplos que nos permitiron reflexionar e debater sobre este asunto.

Comezo das festividades de Nadal no Centro de Tui


Coa chegada do mes de decembro no Centro de Tui comezamos coas preparacións e celebracións das festividades de Nadal.

Neste centro conviven persoas de moitos lugares que traen consigo tradición e costumes diversas, isto significa que as festividades de Nadal aquí estenderanse durante mes e medio, dende o primeiro de decembro ata mediados de xaneiro.

A primeira celebración xa tivo lugar o día 1 de decembro no que demos a benvida ao Nadal cunha comida típica de Venezuela elaborada polos/as propios/as usarios/as na que tivemos a sorte de degustar tres platos típicos do Nadal neste país: pan de xamón, hallacas e ensalada de galiña. Foi un momento diferente e distendido que permitiu que todas as persoas que viven no centro máis todas as persoas que conformamos o equipo puideramos coñecer máis das orixes e costumes dos demais, todo acompañado pola  exquisita comida e acolledor ambiente aportado pola decoración elaborada especialmente para esta celebración.

Para proseguir coas preparacións das vindeiras festividades continuamos coa decoración do Centro na que entre todos e todas tratamos de engalanar os espazos comúns para crear un ambiente de festividade, calidez e celebración.

Para iso elaboramos manualmente e con materias reutilizados algunhas decoracións que despois distribuímos polo centro, a maiores doutros adornos tradicionais que xa tíñamos e algúns outros que foron doados.

BO NADAL!

Diversidades Acolle cumpre 8 anos


Diversidades nace o 6 de decembro de 2012 co obxectivo de atender os retos da diversidade cultural e da migración, co obxecto de contribuír a crear unha sociedade aberta, inclusiva e tolerante.

Nos primeiros tempos prestamos os nosos servizos nos colexios e nunha pequena oficina no número 9 da rúa Velázquez Moreno, en Vigo.

O 2 de agosto de 2016 comezamos unha nova andaina na nosa oficina actual, en García Barbón 36, 3º.

O 11 de xuño de 2017 a Asociación Diversidades intégrase en Red Acoge, federación de entidades pro-inmigrantes, pasando a denominarse Diversidades Acolle.

En decembro de ese mesmo ano, Diversidades Acolle pasa a integrar a Asociación Española de Escolas de 2ª Oportunidade, como membro do sector educativo.

No segundo semestre de 2018, Diversidades Acolle reorganiza os seus servizos para darlle a súa configuración actual.

O 18 de maio de 2020 abriu as súas portas o noso Centro de Acollida de Familias Refuxiadas de Tui. Con este novo centro cúmpríase un dos soños da nosa organización desde outono de 2015, cando a morte de Aylan Kurdi conmovera a conciencia de todas as persoas de ben, en plena crise humanitaria pola atención ás persoas que fuxían do conflito de Siria.

Hoxe, a Asociación Diversidades Acolle cumpre 8 anos e pretende seguir apostando por unha sociedade aberta, inclusiva e tolerante en medio da pandemia mundial da COVID-19.

Novidades sobre o programa Acollida


A colaboración horizontal entre distintas entidades supón apostar por un diagnóstico multidisciplinar da nosa sociedade. Seguindo esta máxima, iniciamos hai un tempo un proxecto común con LIMSI, de Xinzo de Limia e a Asociación Os Tres Reinos da Mesquita.

Trátase dun programa no que as organizacións colaboradoras expomos actuacións en distintas áreas e ámbitos de Galicia. Desde Diversidades desenvolvemos un plan de Acollida destinado a persoas cun proxecto migratorio, xa sexa procedentes de terceiros países ou retornados ao territorio español.

Neste marco, atendemos a máis de 100 usuarios e usuarias co obxectivo de facilitar a súa plena inclusión social.O proxecto contaba cunha liña de sensibilización de cara aos axentes sociais implicados e, por suposto, outra de atención directa. A través dunha entrevista de acollida desenvolvéronse itinerarios en función das necesidades da persoa.

Acollida ofreceu a todos eles e elas información e acompañamento para posibilitar a súa inserción sociolaboral, mellorar as competencias básicas e as habilidades sociais, reducir as desigualdades entre homes e mulleres e desenvolver a responsabilidade persoal na mellora da saúde e o uso do Sistema Público de Saúde.

Acollida, así como as ramas do proxecto que desenvolveron as entidades colaboradoras, foi posible grazas á participación da Xunta de Galicia coa súa Convocatoria de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF.

Usuarios/as atendidos/as
Infogram

Xunta de Gañocoa

25 N – Día Internacional contra a Violencia de Xénero


Con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero levouse a cabo no centro de Tui unha actividade pensada para poñer en común os puntos de vista de todas as persoas residentes e o equipo.

Esta actividade permitiu remarcar a gravidade destes sucesos facendo especial fincapé nas distintas formas de violencia existente (visibles e invisibles) e as respostas que podemos dar ante estas. Poñendo especial valor na importancia de recoñecer e dar resposta a estas situacións en todos os ámbitos da vida.

Balance do programa Donas da Cidade


Vigo, 28 de outubro 2020

O pasado día 30 de setembro finalizou a edición 2020 do programa Donas da Cidade, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

Participaron un total de 46 mulleres das que 31 tiveron un itinerario completo. O principal resultado do programa foi o empoderamento das mulleres desde o ámbito persoal e desde a perspectiva de xénero.