Presentación

conecta-culturaOs nosos centros educativos, do mesmo xeito que os do resto de países comunitarios, están a experimentar unha profunda transformación pola crecente presenza de alumnos e alumnas doutras culturas e procedencias como resultado das novas tendencias migratorias de carácter internacional. De feito, o noso país, pasou nas últimas décadas de ser un país principalmente de emigrantes a converterse en país de referencia de acollida de inmigrantes de diversos lugares, etnias, costumes, linguas e relixións. Pola súa banda, e centrándonos no contexto educativo, é evidente a existencia de aulas multiculturais. Os profundos cambios sociais que se derivaron da incorporación nas nosas aulas e escolas  de números grupos de nenos e nenas inmigrantes, esixe ao docente e ao centro  reestruturar as súas estratexias educativas, volvendo reflexionar sobre os seus valores e obxectivos docentes.

        Nesta liña sendo os profesores os principais axentes na educación intercultural, é preciso que se doten de ferramentas que lles sirvan para afrontar e dar resposta ás diferentes situacións no contexto educativo, onde a diversidade e a heteroxeneidade do alumnado é a clave de definición das mesmas.

        Só poderemos atopar respostas a estes novos desafíos se entendemos a escola como unha comunidade onde as relacións dependen do respecto á dignidade e á liberdade de todos e todas, e da participación de cada un e cada unha dos seus compoñentes na construción da cohesión social. Se nos permitimos crear, ensaiar, e aprender dos nosos propios erros, iremos aos poucos creando un espazo que facilite o intercambio, a comunicación, a interacción e a interdependencia entre todos os compoñentes da comunidade educativa: familias, alumnado, profesorado, axentes externos e persoal non docente.

        Se entendemos a diversidade como unha fonte de desenvolvemento, enriquecemento e complementariedade, faremos intervencións educativas que seguro se converterán en boas prácticas que proporcionarán ao alumnado experiencias e posibilidades para que cada cal constrúa as súas propias respostas a preguntas tan básicas e necesarias como :Quen son eu?, Quen es ti?, Que podemos facer xuntos?

        Apostar por traballar a diversidade na escola desde un perfil intercultural implica cambios; cambios importantes tanto no que se transmite como en como se transmite. Unha política educativa de integración debe achegar a procura de entendemento cultural dentro da escola. Un dos seus obxectivos básicos é o de promover sentimentos positivos de unidade e tolerancia entre os alumnos e reducir os estereotipos.  Sen dúbida unha educación intercultural implica ademais a toda a comunidade escolar, coa necesaria achega do seu alumnado nunha análise crítica da realidade social e en proxectos de acción que supoñan unha loita contra as desigualdades.

        Por iso, a educación intercultural diríxese á formación sistemática de todo o alumnado, non só daqueles nenos e nenas pertencentes a grupos étnicos ou culturais minoritarios.

        Desde Diversidades sentimos a necesidade de abordar a pluriculturalidade da nosa sociedade en xeral e nos nosos centros educativos en particular para facer desta un aspecto enriquecedor e fomentando a celebración de puntos en común, favorecendo a plena inclusión dos nosos alumnos. En diferentes institucións educativas nas que colaboramos puidéronse identificar condutas negativas por parte do alumnado desde e cara a grupos étnicos minoritarios, cuestión que resulta preocupante por parte dos directivos e claustro. Na nosa comunidade actualmente non hai ningún programa que fomente a convivencia  intercultural, así como a maioría de docentes  non están dotados de ferramentas nesta área.

        Hoxe en día en calquera centro educativo a preocupación dos docentes arredor de como abordar de forma construtiva o tema da multiculturalidade é evidente, como tamén é evidente que moitos docentes non contan coa formación necesaria para tratar esta temática que cada vez é mais latente.

Por iso nace Conecta Cultura, un proxecto de desenvolvemento intercultural,  con propostas educativas específicas para alumnos e profesores, dotándoos de ferramentas prácticas e didácticas para fomentar a interculturalidade, favorecer a aceptación da diversidade social  mediante unha serie de actividades educativas e de sensibilización social  para facer das nosas escolas máis interculturais e inclusivas.