En Diversidades abordamos o ámbito da educación dende unha perspectiva intercultural e de inclusión, centrándonos en aquelas persoas máis vulnerables neste ámbito.
Dende fai uns anos traballamos apoiando as tres vertentes que mais presenza teñen no ámbito educativo: os alumnos, o centro educativo e as familias (nais, pais, titores legais, outros membros da unidade familiar relevantes na educación dos menores).
Para iso, realizamos diferentes accións, comezando pola detección de necesidades e de capacidades das partes implicadas.
Algunhas das accións realizadas:
Conecta cultura
Conecta Cultura é unha iniciativa do Plan Proxecta da Consellería de Educación desenvolta co financiamento da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. Nace como un proxecto de desenvolvemento intercultural, con propostas educativas específicas para alumnos e profesores, dotándoos de ferramentas prácticas e didácticas para fomentar a interculturalidade, favorecer a aceptación da diversidade social mediante unha serie de actividades educativas e de sensibilización social para facer as nosas escolas máis interculturais e inclusivas.
Escola de Segunda Oportunidade BROs
O proxecto pretende realizar un labor preventivo para evitar o abandono escolar prematuro por parte dos colectivos en risco, realizar un proceso de formación e capacitación que permita adquirir as Competencias Clave e os Certificados de profesionalidade (nivel 1) e facilitar o retorno ao sistema educativo ou a progresión cara a certificados de profesionalidade nivel 2, así como a inserción progresiva no mercado de traballo mediante a realización de prácticas en empresas, a orientación laboral, a presentación de candidaturas a postos de traballo existentes e o acompañamento no emprego en procura da responsabilidade e a autonomía destes mozos e mozas no mercado de traballo. Todo iso sen descoidar as súas relacións sociais, especialmente nos seus grupos de iguais, as súas posibles relacións de parella e as relacións coa súa familia (ou quen a substitúan).
Mediación entre Iguais:
- Mediación entre iguais no CPI O Toural (Vilaboa)
- Obradoiros no IES Rodeira (Cangas)
- Obradoiros no IES A Guía (Vigo)
Outras propostas de educación
- Mediación, Expectativas Educativas e Éxito escolar do alumnado Xitano no CPI O Toural de Vilaboa (Consulta aquí o artigo científico publicado pola Revista da Faculdade de Letras da Universidade do Porto)
- Training for Mediators con Dual Smart de Brasov (Romania).