Am Drepturi

O proxecto Am Drepturi nace da necesidade social de ofrecerlle ás mulleres un empoderamento nos ámbitos persoal, familiar e social, tomando responsabilidades e protagonismo na súa propia vida.

Dirixido a…

Mulleres inmigrantes en risco o en situación de exclusión social. Nelas súmase a tripla desvantaxe ou discriminación por ser mulleres, por carecer de recursos e por motivos de nacionalidade. As máis delas suman a esas, unhas características étnicas e culturais que reforzan a discriminación por razón da orixe.

Co obxectivo de…

Mellorar a calidade de vida das mulleres inmigrantes axudándoas a xestionar os conflitos relacionados co xénero e a identidade cultural.

Financiado por…

 logo_azul_europa 

 

 

Actuacións e servizos ofrecidos…

Desde o mes de outubro de 2016 ata o mes de setembro de 2017, ofrécenselles os seguintes servizos e actividades:

  • Servizos de orientación e información: facendo unha acollida e valoración inicial da situación, cando o proceso de acollida ten éxito, e permite incorporar ás persoas ao proxecto, complétase co servizo de información e orientación, entendidos como a achega de información ás mulleres participantes e a facilitación cultural e persoal da asimilación desa información para posibilitar unha toma de decisións consecuente coa orientación que elas deciden.
  • Servizos de atención psicolóxica: este servizo articúlase arredor de dúas actividades complementarias entre si: un obradoiro de autoestima e desenvolvemento das habilidades sociais e a atención personalizada para aquelas mulleres que precisen dunha intervención particular, en relación coa súa situación social, co seu proxecto migratorio ou co seu rol de xénero no contexto familiar e cultural da sociedade de acollida.
  • Servizo de asesoramento xurídico: O servizo de asesoramento xurídico desenvólvese nos ámbitos da cidadanía, das relacións familiares, das relacións veciñais e das relacións laborais.
  • Servizo de mediación familiar e intercultural: A mediación intercultural desenvólvese no ámbito da cidadanía, do acceso aos servizos públicos, no ámbito familiar e nas relacións veciñais.
  • Actividades para a adquisición de habilidades persoais e sociais básicas ou de competencias para a mellora da empregabilidade: realizado mediante un obradoiro de lingua e cultura española para mulleres inmigrantes, centrado na adquisición da lingua española a nivel oral (e a comprensión escrita) , e no coñecemento dos costumes, funcionamento e valores da sociedade de acollida; e un obradoiro de busca de emprego, centrado na aplicación das aprendizaxes realizadas no obradoiro de lingua e cultura (habilidades de comunicación interpersoal). Ademais, desde o punto de vista dos conceptos e procedementos, trátase de coñecer o que é unha carta de presentación, un Curriculum Vitae, unha entrevista de traballo, así como a diferenciar entre os servizos de emprego das Entidades sociais dos servizos privados de intermediación laboral e as empresas de traballo temporal, para a súa correcta utilización.
  • Servizos ou medidas de apoio e orientación laboral: consisten no diagnóstico de empregabilidade e na elaboración dun proxecto de carreira laboral ou proxecto de vida laboral fixando un obxectivo profesional e os medios para acadalo. Este servizo é específico do programa AM DREPTURI e traballa coa concepción de que o acceso ao mundo laboral forma parte do acceso aos dereitos básicos das mulleres no noso contexto social e cultural.