Obradoiro Am Drepturi

 

Obradoiro Am Drepturi

Enmarcado no proxecto Am Drepturi, desde o ano 2016 vimos realizando un obradoiro destinado ás mulleres participantes no proxecto, co obxectivo de ofrecerlles unhas ferramentas que lles foran útiles para mellorar a súa vida partindo das súas capacidades, habilidades e preferencias.

As actuacións realizadas durante o presente ano 2017 tiveron os seguintes obxectivos:

  • Identificar os problemas de xénero existentes en mulleres inmigrantes, derivados da súa condición, da súa cultura de orixe ou do choque existente cos valores da sociedade de acollida.
  • Informar sobre as alternativas existentes ante diferentes eleccións e encrucilladas vitais e facilitar a toma de decisións.
  • Favorecer o empoderamento das mulleres desenvolvendo as súas habilidades persoais e sociais.
  • Mediar nos conflitos existentes no ámbito persoal, familiar, veciñal e social.
  • Facilitar a adquisición de competencias básicas, incluíndo a comprensión e expresión tanto oral como escrita en lingua española.
  • Fomentar a inclusión sociolaboral das mulleres, favorecendo a conciliación da vida persoal e laboral.

Bloques temáticos e xeiras de traballo

O obradoiro está estruturado en dous bloques temáticos: A muller na sociedade en Galicia e en España e Lingua e Cultura españolas.

A muller na sociedade en Galicia e en España:

  • A sociedade en Galicia, en España e en Europa.
  • O marco de convivencia.
  • A leis.
  • Os valores: a paridade e a igualdade de oportunidades. A xustiza. A liberdade.
  • A igualdade de xénero.
  • O principio de non discriminación.

Lingua e cultura española.

Acción formativa centrada na adquisición da lingua española a nivel oral (e a comprensión escrita) , e no coñecemento dos costumes, funcionamento e valores da sociedade de acollida, pero concibida como proceso de empoderamento para a participación social das mulleres, onde realizar a aprendizaxe da lingua española (e tamén, para algunhas delas, a alfabetización básica), onde compartir os seus focos de interese na vida cotiá e as súas preocupacións respecto do seu rol no mundo.

A primeira xeira tivo lugar na asociación Diversidades os luns en horario de 16:00 a 18:00 desde o 3 de abril ao 26 de xuño de 2017.

A segunda xeira realizouse entre o luns 11 de setembro e o luns 20 de novembro de 2017 en horario de 16:00 a 18:00, estando prevista a súa continuidade en anos sucesivos.

Estas dúas liñas de formación complementáronse cun servizo de mediación intercultural que favorece a regularización administrativa das mulleres con problemas derivados da súa situación migratoria, e cun servizo busca de emprego e un servizo de apoio psicolóxico.