Este proxecto nace da necesidade de ofrecer ás mulleres estranxeiras, ás vítimas de violencia, mulleres vulnerables e por tanto en risco de exclusión social, a oportunidade de sentirse parte dun grupo de iguais no que poidan mellorar as súas habilidades persoais, familiares e sociais:

  • ofrecéndolles unha serie de ferramentas para que poidan desenvolverse con maior facilidade na súa vida cotiá, abarcando tanto o ámbito familiar como educativo e laboral,
  • fomentando a comunicación en lingua española no grupo, incitándoas a coñecer e practicar o noso idioma de forma que isto sexa non sexa unha barreira no seu día a día e que conten así, cunha maior destreza á hora de realizar trámites e solucionar posibles problemas.
  • Mellorando as súas habilidades sociais e dotándoas de técnicas de busca activa de emprego (BAE).

O proxecto Donas da Cidade estableceu unha liña de empoderamento das mulleres nos ámbitos persoal, familiar e social, tomando responsabilidades, protagonismo na súa propia vida e capacidade de actuación autónoma, mesmo ante as posibles trabas procedentes da súa propia mentalidade, do seu contexto familiar ou do contexto social en que viven. Este desenvolvemento persoal e social non é posible sen adquirir unha conciencia de si e do carácter relativo dos roles de xénero, que deben ser modificados para a súa libre determinación.

Accións que se realizan…

Acollida

Detecta situacións de vulnerabilidade  e discriminación e ofrece ás mulleres un espazo de encontro e de diálogo que favorece o intercambio de información e que permite iniciar procesos de afirmación persoal e de inclusión social. O servizo de acollida e valoración inicial préstase na Sede da Asociación Diversidades

Obradoiro de autoestima

O obradoiro articúlase arredor do autoconcepto, da imaxe de si e da autoestima, pasando do recoñecemento da situación actual (no que non se descartan elementos de auto odio) avanzando de cara á aceptación incondicional de si (autoestima). Desenvolve tamén as habilidades sociais, incluíndo a escoita activa, a asertividade, a reformulación, as mensaxes eu e o eco. Datas: do 5 ao 23 de outubro de 2020 en diferentes sesións.

SERVIZO DE INFORMACIÓN E ORIENTACIÓN

Existe un elemento valorativo no proceso de orientación: as mulleres deben chegar a ser libres e autónomas, tomando as súas propias decisións e asumindo as súas responsabilidades. A acción de orientación non debe provocar conflitos culturais, familiares nin sociais ás mulleres, pero debe axudar a descubrilos, a tomar conciencia da súa existencia (cando sexa o caso) e a xestionalos desde as propias claves culturais, pero tamén desde os valores comúns da sociedade de acollida.

Datas: na Sede da Asociación Diversidades entre o 1 outubro ao 23 de Outubro 2020.

Servizo de atención psicolóxica

Ofrece atención personalizada para aquelas mulleres que precisen dunha intervención particular, en relación coa súa situación social, co seu proxecto migratorio ou co seu rol de xénero no contexto familiar e cultural da sociedade de acollida. Datas: entre o 1 outubro ao 24 de Outubro 2020.

Financiado por…