Drum Bun 2016

O proxecto Drum Bun – Formación dá prioridade ao desenvolvemento de itinerarios individuais de inclusión social mediante a participación en accións formativas específicas que supoñen o desenvolvemento de competencias persoais, sociais e curriculares que sexan funcionais na vida diaria e que faciliten a súa aproximación ao mercado de traballo. Este proxecto, complementario co programa Bun Venit – Itinerarios desenvólvese en contextos de pobreza, exclusión e diversidade cultural.

Resulta relevante a participación dos Servizos Sociais Comunitarios (Unidades de Traballo Social municipais), do Programa Municipal de Emprego, do Servizo Público de Emprego de Galicia e de outras organizacións sociais.

A Asociación Diversidades está facendo do proxecto Drum Bun – Formación unha ferramenta de participación social para as minorías culturais, de establecemento de lazos interculturais, de mellora da empregabilidade persoal e unha referencia no ámbito do empoderamento, da formación e de capacitación das persoas con moi baixos niveis de formación recoñecidos no noso marco xurídico, ben porque non tivesen ocasión de obter unha cualificación académica, ben porque esta fose adquirida noutro marco formativo diferente, sen acordos de reciprocidade.

O proxecto pretende favorecer a integración social das persoas participantes, mediante a provisión de medios e os recursos lingüísticos e culturais necesarios para que as persoas participen con normalidade na comunidade: na súa contorna habitual e no mercado de traballo.

Logo concello Vigo

Co financiamento do Concello de Vigo