
O proxecto Lilas pretende prestar atención a persoas vítimas de explotación sexual e ou vítimas de trata na zona sur de Pontevedra, nas comarcas de Vigo, Baixo Miño e Condado.
As diferentes actuacións realízanse na sede da entidade, en Vigo, e tamén nos concellos de Mondariz, Covelo e Tomiño e Tui, onde se levarán a cabo a atención psicolóxica, o asesoramento xurídico, laboral e social, ademais dos distintos obradoiros de interese para as persoas beneficiarias.
Os obxectivos xerais que se pretende co proxecto son:
- Acoller e acompañar ás vítimas de explotación sexual e ou trata no seu proceso de recuperación persoal. Ser un lugar de referencia e confianza onde as persoas do proxecto atopen apoio, información, orientación e poidan iniciar un proceso de recuperación.
- Dotar ás vítimas de ferramentas persoais que lles permitan empoderarse e adquirir autonomía.
- Favorecer a calidade de vida das persoas que participan no proxecto a tódolos niveis (persoal, social e laboral).
- Detectar e identificar posibles casos de vítimas de explotación sexual e trata.
- Acompañar a estas mulleres no proceso de inserción socio-laboral.
O Proxecto Lilas ten previsto desenvolver as seguintes actuacións:
- Atención inicial nos chamamentos realizados polas autoridades competentes -xudiciais, fiscais e policiais-, ou polos servizos sociais e recursos similares ou de xeito individual por calquera persoa que se atope en situación de explotación sexual e/ou sexa vítima de trata con fins de explotación sexual ou laboral.
- Asesoramento social, apoio directo, atención, información e asesoramento continuado;
acompañamento, apoio e seguimento no proxecto persoal de cada usuaria. - Atención psicolóxica, co fin de ofrecer ás persoas participantes unha atención psicolóxica profesional, de calidade e a longo prazo que lle permita abordar posibles trastornos emocionais e/o de conduta e que repercuta de maneira positiva nos seus procesos de recuperación persoal e favoreza a consecución de autonomía e seguridade.
- Asesoramento xurídico
- Orientación e asesoramento laboral, incluídas actividades formativas
- Atención e asesoramento en traballo de rúa co obxectivo de acercarse a aqueles lugares onde poden encontrar persoas vítimas de trata de seres humanos, en situación de explotación, para establecer contactos iniciais e facilitarlles información que lles poida ser de utilidade (hixiénico-sanitaria, xurídica, social, recursos existentes, etc.) de maneira que poidan acceder ás actuacións que ofrece o proxecto.



