6 de decembro de 2023
O aniversario coincide co final do Proxecto de Atención humanitaria de emerxencia a persoas migrantes chegadas a costa
O 18 de outubro do corrente 2023, a Federación Red Acoge recibiu o encargo do Ministerio de Inclusión para a Acollida de Emerxencia de persoas chegadas ás costas de Canarias. Dentro da nosa Federación, a Asociación Murcia Acoge correspondéronlle 5 prazas de acollida nun piso, mentres que Diversidades Acolle fíxose cargo de 40 prazas de acollida situadas no Concello do Porriño.
O grupo de persoas chegou ao Aeroporto de Barajas o 30 de outubro, e foron recibidas no Porriño na madrugada do 31 de outubro.
Tras un mes de intenso traballo, todas as persoas acollidas recibiron axuda para encontrarse coas súas familias ou foron trasladadas a centros de acollida integral que permiten a continuidade do seu itinerario de inclusión.
Diversidades Acolle considera que este éxito na intervención é a mellor maneira de celebrar o seu aniversario. Tamén quere agradecerá vila do Porriño a acollida ofrecida á nosa intervención, cunha mención especial para as persoas voluntarias, tanto de Cáritas Parroquial, que ofreceu clases de español durante tres semanas, como ás persoas que se solidarizaron individualmente, participando en diferentes tarefas.
Proxecto de Atención humanitaria de emerxencia a persoas migrantes chegadas a costa.
Proxecto Lilas: Vítimas de trata
Este aniversario coincide tamén coa posta en marcha do proxecto Lilas para persoas vítimas de trata con fins de explotación sexual ou laboral. Este proxecto tivo dous momentos diferentes durante o ano. O primeiro, co financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, entre maio e setembro, que concluíu superando os obxectivos propostos para a intervención. O segundo, no que aínda estamos, co soporte financeiro da Fundación La Caixa, e que se prolongará ata o próximo mes de agosto, pretende consolidar a intervención e permitir a autorización dun centro que permita a inclusión residencial e a inserción sociolaboral das mulleres vítimas de trata.
Acolle EIL: a nosa empresa de inserción laboral
Durante o acto de celebración do 10º Aniversario de Diversidades Acolle anunciamos a creación de Acolle Empresa de Inserción Laboral S.L.U., a nosa empresa de inserción laboral.
Un ano despois, a empresa conta con tres persoas traballadoras en inserción e dúas explotacións agrarias en ecolóxico nos concellos de Covelo e Mondariz.
Cen veces máis recursos
O ano 2013 foi o primeiro exercicio económico da nosa asociación. Os nosos recursos eran moi precarios daquela. Hoxe, dez anos despois, contamos con cen veces máis recursos para a inclusión social e a convivencia intercultural dos que tiñamos a dispor por aquela altura. Este incremento está fundamentado nunha incansable vocación de servizo ás persoas, na procura da innovación e, de forma particular, na procura de alianzas que nos acheguen valor, nomeadamente a través da nosa participación activa en Red Acoge.