O reto
Os adolescentes con transfondo migratorio (e outras minorías culturais) presentan algunhas problemáticas específica que nos desafían a construír unha sociedade intercultural:
- En primeiro lugar, contan cunha rede de apoio máis reducida que o resto dos seus compañeiros e compañeiras.
- En segundo lugar, proceden (directamente, ou a través dos seus proxenitores) dun contexto educativo moi diferente ao noso.
- Esa diferenza de partida e esa desvantaxe na rede de apoio explica en boa parte o desempeño decrecente destes adolescentes a medida que progresan no noso sistema educativo.
- Esta evolución non está directamente relacionada co esforzo; en troques, canto máis serodia é incorporación ao noso sistema educativo no marco da educación secundaria, maior adoita a ser o esforzo para conseguir o nivel esixido.
- Os factores anteriormente descritos incrementan dunha maneira moi aguda as posibilidades de abandono educativo prematuro e, de forma específica, as probabilidades de apostar por formas de socialización consideradas desviadas. Cómpre intervir sobre estes factores de risco e non criminalizar ás súas vítimas.
- Unha parte dos esforzos de compensación educativa teñen un nesgo excesivamente centrado no currículo académico, e non se centran no reforzo das redes sociais de apoio nin na adquisición das competencias transversais e as habilidades para a vida que permiten concibir proxectos vitais alternativos e construír un futuro social e profesional funcional para os propios adolescentes e para o conxunto da sociedade.
A nosa proposta
Na Asociación Diversidades pensamos que fornecer recursos de socialización e desenvolvemento das competencias para a vida aos adolescentes con transfondo migratorio permítelles incrementar as súas posibilidades de éxito educativo, así como unha mellor aceptación da súa realidade vital.
- O noso proxecto B-Team constitúe un espazo de socialización e de compensación educativa que toma en conta en primeiro lugar as necesidades de socialización e de consolidación das redes sociais de apoio (incluíndo as relacións de camaradería e de amizade) así como a necesidade de desenvolvemento das habilidades para a vida.
- Toma en conta, asemade, a necesidade de contar co apoio das familias, incidindo de forma directa na participación dos proxenitores no noso proxecto educativo, tomando en conta as súas limitacións en cando horarios, capital social e capacidades persoais. O proxecto incorpora unha dimensión de educación das propias familias (espazo individual e escola de familias) e unha dimensión de encontro e de achegamento á cidade desde unha realidade lúdica (saídas educativas e encontro coa contorna).
- Por último, ofrece alternativas viables de éxito, reflexionando sobre itinerarios educativos alternativos e incluíndo a participación na nosa Escola de Segunda Oportunidade (Proxecto BROS).
Obxectivo
Ofrecer un marco de acción que preveña e reverta o abandono escolar prematuro mediante a resolución de conflitos no ámbito escolar, favorecendo a obtención de titulacións académicas e posibilitando o establecemento dun proxecto persoal de inserción laboral de adolescentes a través da cualificación e da experiencia.
Perfil de participantes
- Adolescentes migrantes (inmigrantes, emigrantes retornados, solicitantes de protección internacional, refuxiados…).
- Adolescentes nacidos/as en España ou nacionalizados/as españois, pero con transfondo migrante (fillos/as de migrantes…).
- Adolescentes identificados/as con minorías étnicas, sexa por nacemento, sexa por opción cultural propia (persoal ou familiar).
- Outras adolescentes con dificultades sociais e educativas (incluíndo discapacidades ou desvantaxes sociais herdadas), que precisen de contextos de socialización e compensación educativa alén do ámbito especificamente académico.
Actividades cos grupos de iguais.
Actividades semanais
Aula de reforzo
- Martes, mércores e xoves de 16:30 a 17:30
Ludoteca para adolescentes
- Martes, mércores e xoves de 17:30 a 18:00
Entrevistas individuais
- Actividade programada a demanda ou por iniciativa do equipo educativo
Actividades en períodos non lectivos
- Actividades de reforzo e recuperación
- Actividades lúdicas
- Coñece a túa cidade (saídas quincenais)